Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra e Sergas colaboran contra a diabete

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

O Servizo Galego de Saúde e o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra colaboran contra a diabete mediante a implantación dun programa piloto para a detección de persoas en risco de padecer esta patoloxía ou alteracións do metabolismo dos hidratos de carbono.

Esta iniciativa, que se desenvolve por primeira vez en España, realizarase en oficinas de farmacia da provincia de Pontevedra a partir de mañá, 19 de setembro. O programa facilitará, mediante unha abordaxe colaborativa e multidisciplinar, a detección da diabete de forma precoz, reducindo así a gravidade desta patoloxía –ademais das futuras complicacións e ingresos hospitalarios asociados a ela-, e permitirá á vez promover estilos de vida saudables que modifiquen o estado de risco alto ou retrasen a aparición da enfermidade.

Para isto, proporase ás persoas maiores de 18 anos que acudan ás oficinas de farmacia a realización dun Test de Findrisk, cuestionario validado internacionalmente que consta de oito preguntas con puntuacións predeterminadas nas que se estima a probabilidade de desenvolver diabete tipo 2 nos próximos dez anos.

No caso de que a puntuación indique risco alto, realizarase na propia farmacia unha glicemia basal capilar, é dicir, unha análise que se realiza pinchando un dos dedos e extraendo unha pinga de sangue. Se os resultados desta análise confirman os do test, derivarase á persoa ao seu centro de saúde onde se continuará coa actuación sanitaria axeitada a cada paciente. Ademais, a iniciativa inclúe tamén un programa educativo para os cidadáns que, sen precisar ser derivados ao centro de saúde, amosen un risco elevado de desenvolver a enfermidade.

O programa piloto dará comezo mañá, día 19 de setembro, coa instalación de dúas carpas de saúde na Porta do Sol na cidade de Vigo, e na Praza de Ourense na de Pontevedra, nas que farmacéuticos realizarán probas de detección de glicemia aos usuarios que se acheguen, en horario de 11 a 20 horas.

Está previsto que o programa se desenvolva durante dous meses e, posteriormente, realizarase unha avaliación segundo os resultados e estudarase a súa extensión ao resto da comunidade autónoma.

Esta iniciativa conta co aval científico da Sociedade Galega de Endocrinoloxía e Nutrición, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) e a Sociedade Española de Medicina de Atención Primaria (Semergen).

En España calcúlase que polo menos o 30% da poboación sufre algún tipo de alteración do metabolismo dos hidratos de carbono, e a prevalencia global da diabete é do 13,8%. Destes doentes, aproximadamente a metade descoñecen que teñen esta patoloxía. En Galicia, a diabete ocupa o sexto lugar como causa de mortalidade e a cuarta como causa de morbilidade crónica en Atención Primaria, polo que está incluída dentro das oito patoloxías destacadas no Plan de Prioridades Sanitarias.

18 de setembro de 2014 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.