COGAMI participa nun proxecto europeo para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade a través das artes plásticas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+

Dezaoito persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Mos participan nun proxecto europeo que ten por finalidade o poder mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade a través de reproducións artísticas de boas prácticas en procesos de aprendizaxe ao longo da vida, e tamén, a través da utilización das súas experiencias persoais.

Denominado Artability, no programa, que está financiado pola Unión Europea a través do programa Grundtvig, participan persoas que proceden de catro países europeos representados todos por organizacións sen ánimo de lucro: Antígone de Grecia, TLAB de Italia, Valakupiai Rehabilitation Center de Lituania e COGAMI como representante español.

O programa engloba tres obradoiros, tratando o primeiro sobre o deseño de obras de arte, o segundo explicará as técnicas de arte e o terceiro será preparar unha exposición coas obras que se realizaron. Agora mesmo, en COGAMI-Mos están na elaboración de obras que teñen por temática o camiño de Santiago, unha experiencia que viviron o ano pasado e que lles resulta interesante amosar para que o resto dos países participantes coñezan esta vivencia.

A través de materiais reciclables, os participantes do programa Artibility están deseñando e elaborando simboloxía típica do camiño como pode ser un debuxo das paradas do camiño, un peregrino en 3D de madeira, un albergue en barro, unha cadeira de rodas en madeira, unha cuncha e bastón de peregrino en goma, un bocadillo en cartón pedra. A finalidade é que todas sexan representadas nun collage que recolla aquelas experiencias de vida que máis significaron para as persoas que fixeron o camiño, que van ser recollidas como se fora un gran quebracabezas e que serán gravadas en vídeo para facer unha animación en stop motion.

Son dous días á semana, durante hora e media de duración de cada clase, as que lle dedican para levar a cabo este proxecto que realizan segundo as preferencias e habilidades que cada un ten á hora de expresarse. Por exemplo, a persoa que se lle dá ben o debuxo optou por esta disciplina, mentres que outras preferiron tallar a madeira por sentirse máis atraídas por esta especialidade.

Os obxectivos do programa Artibility son aumentar a participación das persoas con discapacidade na sociedade, exercendo os seus dereitos como cidadáns da Unión Europea e reverter o concepto de educación profesional que considera ás persoas con discapacidade como meros consumidores do coñecemento.

Este proxecto ten unha duración de dous anos e contará cun mínimo de participación de 60 persoas con discapacidade. A través da análise dos resultados das actividades quer realicen as persoas participantes, analizaranse aspectos positivos do traballo artístico para o desenvolvemento persoal dos participantes, observando o impacto na súa calidade de vida, co fin de poder identificar unha metodoloxía de traballo que poida ser levada a outros países e colectivos. A presentación dos resultados desta investigación farase en Tesalónica no outono de 2015, e distribuídos de xeito gratuíto a través da web do proxecto, igual que o resto dos resultados do proxecto (catálogos, etc.).

9 de setembro de 2014 | 12:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.