COGAMI participa en Vigo na semana europea da mobilidade
O vindeiro sábado, 20 de setembro, de 10:00 a 14:00 horas, COGAMI terá habilitado un stand informativo durante a celebración da Semana Europea da Mobilidade, un evento que organiza o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en colaboración coa consultora i-CITE na Cuberta da estación marítima (Montero Ríos, s/n) de Vigo.
A xornada, que se organiza dende o 2002, ten por obxectivo sensibilizar, visibilizar e incentivar a que os organismos públicos e privados e as empresas organicen actividades para poñer en práctica novos modelos de mobilidade que sexa máis eficiente, accesible, universal e saudable.
Baixo o lema Unha rúa mellor é a túa elección, a xornada pretende animar á cidadanía a que deseñe o seu ideal de cidade. Para isto, haberá distintos puntos informativos como o que COGAMI colocará que, baixo o nome de Ponte na miña situación, onde as persoas que se acheguen poderán experimentar como parte da cidadanía vive a mobilidade urbana dun modo distinto. Haberá un pequeno percorrido deseñado para desprazarse en cadeira de rodas, cos ollos vendados, coa mobilidade dunha persoa maior, etc.
Outras das actividades que vai haber son Deseña a túa rúa, onde a cidadanía terá que deseñar o seu modelo de cidade na que lle gustaría vivir a través de debuxos, redaccións e suxestións, unha iniciativa que estará apoiada polo Colexio de Arquitectos.
Outro transporte é posible, actividade guiada pola empresa especialista en transporte sostible NORBIKE, realizarán un pequeno percorrido en bicicleta pola contorna, co fin de fomentar o uso deste medio de transporte urbano e non só como instrumento de lecer ou deportivo, senón como transporte urbano.
Este acto é aberto a toda a cidadanía.