Clausúrase en Ames un proxecto de inserción laboral de mulleres desempregadas
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, acompañou esta mañá ao alcalde de Ames, Santiago Amor, na entrega de diplomas e clausura do Proxecto HERA. Este plan de formación, cofinanciado pola Deputación e o Concello, tivo lugar durante os meses de marzo, abril, maio e xuño co obxectivo de mellorar a empregabilidade das mulleres con especiais dificultades de inserción.
No proxecto tomaron parte un total de 20 mulleres que recibiron máis de 200 horas de formación tanto en competencias claves como nun itinerario de comercio e hostalería. Todas as alumnas aprobaron os exames teóricos, aos que seguiu un período de prácticas en diferentes empresas de Ames e Santiago de Compostela.
Durante a cerimonia de clausura, na cal unha das alumnas contou a súa experiencia no curso, o presidente da Deputación animou ás mulleres “a seguir formándose” para “loitar por un futuro e un posto de traballo nun mercado laboral difícil”. Aludiu a que, tras a conclusión do programa, “queda o máis difícil”, que é manter “esa ilusión e esa forza” que, dixo, “é fundamental para a procura dun futuro mellor e que demostraron poseer estas mulleres para sacar tempo de onde non o ten e cumprir cos obxectivos do programa”.
O curso contou cunha subvención da Deputación da Coruña de 18.725 euros enmarcada na axuda e promoción de proxectos relacionados cos Servizos Sociais.
Biblioteca do Milladoiro
A cerimonia de entrega serviu tamén para que o titular da institución provincial coñecera a reforma realizada na biblioteca do Milladoiro grazas a unha axuda da Deputación Provincial.
Neste caso, a institución provincial investiu máis de 110.000 euros na reparación do espazo e a habilitación dun punto de estudo do que carecían os amienses.
Calvo, dirixíndose a todas as asistentes ao curso, agradeceu “o esforzo realizado” e felicitouse por “poder ser testemuña do resultado dos nosos investimentos” e de cómo as persoas pódense beneficiar “das xestións que os responsables das administracións facemos nos despachos”.
En canto ao traballo do alcalde, Santiago Amor, salientou que “cando vén A Deputación, pide para o seu concello como se fora o único da provincia, e aquí tendes os resultados”.











