Cirurxiáns do Povisa forman en laparoscopia do cancro gástrico a especialistas de toda España
Cirurxiáns do Hospital Povisa de Vigo forman, desde hoxe e até o vindeiro venres, no Centro Tecnolóxico de Formación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña –CHUAC-, a dezaseis especialistas en cirurxía laparoscópica do cancro gástrico, unha técnica cirúrxica moi esixente e que require dun alto grao de adestramento e especialización, e na que Povisa destaca por ser o hospital con máis experiencia a nivel nacional, con máis de 300 intervencións realizadas xa con éxito.
Dirixido polo xefe de servizo de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo do Hospital Povisa, Ernesto Toscano, o curso ofrece sesións teóricas e prácticas centradas no desenvolvemento de habilidades e o manexo laparoscópico do cancro gástrico, unha técnica aínda pouco estendida para o tratamento desta patoloxía, pero menos agresiva para o paciente, e coa que se obteñen os mesmos resultados que coa cirurxía convencional. Fronte á cirurxía aberta, a técnica laparoscópica, en intervencións complexas como a do cancro gástrico, facilita unha recuperación máis rápida do paciente e demostrou unha menor incidencia de infeccións postquirúrxicas. Na actualidade, Povisa opera xa ao 100% dos tumores gástricos mediante laparoscopia.
Os asistentes, baixo a supervisión do equipo de nove cirurxiáns de Povisa, levarán á práctica en quirófano os conceptos apresos con animais de experimentación, desenvolvendo suturas manuais ou cirurxías de resección intestinal, entre outras técnicas.











