Ciencia con acento galego en Poio
As Xornadas Estivais, organizadas pola SCD Raxó e pola Concellaría de Cultura, configúranse como un espazo de análise, reflexión e debate sobre temas de actualidade de interese para a cidadanía.
As Xornadas Estivais que se celebran no Centro Cultural Xaime Illa – Raxó levan dazaseis anos cumprindo a función de ofrecer un foro de debate onde poñer en común a nosa visión da actualidade, facendo posible un espazo onde escoitar a persoas autorizadas nos diversos temas e onde participar activamente, e compartir as nosas opinións.
Desde o Concello de Poio cren que estas son iniciativas que hai que fomentar e potenciar: abertas a toda a cidadanía, cun contido de calidade, que afonden no coñecemento do mundo que nos rodea para ter unha maior comprensión da realidade na que vivimos, constituíndo unha experiencia enriquecedora para as persoas participantes.
Nesta XVI edición, o tema será a ciencia en Galiza e o uso da nosa lingua en diversos eidos da investigación científica. Desenvolveranse ao longo de tres sesións en formato de dúas ponencias seguidas de coloquio, conforme ao seguinte programa:
– Martes 16 de setembro: Sectores produtivos en galego. Pablo Belay (xeopesca) e Manuela Buján (PortoMuíños)
– Mércores 17 de setembro: O galego na rede. Marcus Fernández (Asociación PuntoGal) e Víctor López (Presidente de EGANET, empresarios galegos en internet).
– Xoves 18 de setembro: O galego na empresa. Antonio Montero (Zeltia) e Xosé González (Asociación de funcionarios para a normalización lingüística)
As xornadas son de entrada libre, non sendo necesaria inscrición previa. Darán comezo ás 20:30 h e a duración aproximada de cada sesión é de 90 min.











