Chamamento aos colexios pontevedreses para que os escolares poidan seguir a Volta a España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Rafael Louzán na rolda de prensa

Rafael Louzán na rolda de prensa

A seis días de que a Volta Ciclista a España chegue á provincia de Pontevedra, Rafael Louzán agarda que sexa numeroso o público que, como nos dous anos anteriores, siga a proba en directo ao longo de todo o percorrido.

Por iso, e dado que nesta ocasión a proba ciclista entra en Pontevedra ao día seguinte do inicio do curso nos colexios da provincia, Louzán fixo un chamamento para que, nos máis de 30 concellos polos que pasa o pelotón, “os colexios teñan toda a sensibilidade para que os cativos que estou seguro de que desexarán participar e estar nos puntos de saída e chegada” poidan facelo.

Fixo na rolda de prensa de presentación dos espectáculos musicais e actividades que a Deputación e os concellos que son saída ou meta das 2 etapas pontevedresas porán en marcha na semana vindeira para que a Volta a España sexa, novamente, moito máis que un evento deportivo e se converta nun verdadeiro evento social.

Así, a Deputación ten programados catro concertos que se desenvolverán entre o 10 e o 12 de setembro.

Actividades na rúa e Orquestra Panorama en A Estrada

O primeiro deles terá lugar o mércores 10 de setembro ás 22,00 horas en A Estrada, onde a actuación da Orquestra Panorama no campo da Feira servirá de anticipo á saída da 18ª etapa da Volta, desde a Praza de Galicia ás 12,00 h.

Ademais, o concello está traballando coas asociacións de comerciantes nun programa de actividades na rúa, que se desenvolverá no núcleo urbano do concello durante a tarde do mércores.

Neste sentido, o rexedor local, José López Campos, subliñou que o feito de que a Volta a España saia por primeira vez na historia de A Estrada é “unha verdadeira homenaxe” a un concello cunha gran tradición ciclista, que se personifica no Club Ciclista Estradense e en Bike Estrada, e en ciclistas de éxito como Álex Marque, gañador o pasado ano da Volta a Portugal, ou en Óscar González, campión de España sub-23 contrarreloxio.

París de Noia, broche final en Meis

Meis será o segundo principal centro de atención do paso da ronda ciclista pola provincia, dado que a 18ª etapa terá o seu final no Monte Castrove, fronte ao Campo de Golf e con “magníficas vistas” da ría.

Esta chegada está prevista en torno ás 17,30 horas, pero tal e como lembrou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, non será o único paso do pelotón polo Castrove “onde haberá un dobre percorrido”.

Así, o trazado deseñado para esta etapa prevé que ás 16,05 horas cheguen os ciclistas a Sanxenxo, de aí dirixiranse a Combarro (16,20 h), Poio (16,30 h.), Pontevedra (16,32 h.) Poio novamente (16,41), subida á Escusa (16,46) ata o Alto do Monte Castrove (16,55 h) e, desde aí, dirixirase a O Busto  (Meis), Samieira; e novamente Combarro; San Xoan de Poio; A Escusa e meta no Monte Castrove .

Será, pois “unha dobre oportunidade de ver ” a “volta co mellor palmarés da historia”, segundo afirmou Louzán.
Como broche final desta etapa en Meis, a orquestra París de Noia ofrecerá un concerto no Campo da Feira de Mosteiro, o xoves 11 ás 22,00 horas.

Panorama e Promoción dos viños do Condado

Pola súa banda, o concello de Salvaterra ve neste evento deportivo unha oportunidade única para “darse a coñecer no mundo” e para promocionar os viños do Condado. Así o asegurou o rexedor local, Arturo Grandal, para quen os efectos desta proba ciclista xa se están notando na vila.

Neste sentido, asegurou que a Festa do Viño do Condado tivo “o dobre ou o triplo de visitantes que os anos anteriores”. Para fondar neste obxectivo de promoción, o concello repartiu máis de 30.000 folletos informativos para animar á poboación a seguir a Volta e instalou grupos de barrís con carteis promocionais dos viños do Condado nos puntos estratéxicos de paso do pelotón e de saída da 19ª etapa da proba.

Unha saída que terá lugar desde a Praza do Concello ás 11,30 horas do venres 12 de setembro e que estará precedida dunha actuación da orquestra Panorama no recinto do Castelo, ás 23,00 horas do día 11.

Gastronomía, deporte e lecer en Cangas

O Morrazo será o punto final da estadía do pelotón da Volta en Pontevedra e aí sitúase outro dos puntos que o presidente da Deputación considera “estratéxicos” para ver o “mellor espectáculo ciclista”. Trátase da subida a Domaio, con varios quilómetros de ascenso, que Louzán cualificou como de “dureza extrema” pero que é dun “gran atractivo” para os afeccionados ao ciclismo.

Así mesmo, a deputada Begoña Estévez e o alcalde de Cangas subliñaron que a Volta a España enlaza en Cangas as recén concluídas Festas do Cristo coa Festa do Percebe, que se inicia o mesmo día 12, polo que o evento permitirá tamén dar a coñecer un dos produtos do mar de Cangas.

Nesta liña, o rexedor local, José Enrique Sotelo, destacou o remate da etapa “nun lugar emblemático que forma parte da historia de Cangas” como é a Alameda Vella e subliñou que se aproveitará a coincidencia do final de etapa co comezo da Festa do percebe para facer entrega ao gañador da etapa dun quilo deste produto.

O broche final, tel e como anunciou Begoña Estévez, será o concerto de Carlos Jean, previsto para as 22,30 horas na explanada de Ojea.

Atraer turismo nacional e internacional

Tanto os rexedores locais como o presidente da Deputación e a deputada Begoña Estévez subliñaron o “gran escaparate” que ofrece a Volta a España para a promoción turística das Rías Baixas e a oportunidade que representa para prolongar a tempada estival durante o mes de setembro.

Neste sentido, a maiores do valor que en si mesmas supoñen as imaxes que se retransmitirán a preto de 180 países do mundo, Louzán subliñou o esforzo de promoción que se está a facer tanto en todo o percorrido da Volta (cun equipo de Turismo Rías Baixas que organiza diferentes actividades en todas as cidades que son saída ou meta de cada etapa e que inclúe o reparto de 15.000 bumeráns, 15.000 imáns e 25.000 pulseiras das Rías Baixas) como en cooperación con Turismo de Galicia.

Así, en todas as estacións de metro de Madrid se está a desenvolver unha campaña orientada a atraer a Galicia aos que habitualmente seguían o final da Volta na capital de España.

No que respecta á difusión dos atractivos do interior e da costa da provincia, Louzán incidiu en que os minutos de imaxes en TV que se conseguen con este evento deportivo “supón unha campaña de promoción que non poderiamos pagar” e situou como público obxectivo a países como Francia, Bélxica ou Holanda, pola súa afección ao deporte e pola súa proximidade a Galicia.

Trátase, concluíu, de que “o esforzo que se realiza por parte das administracións públicas sexa recompensado con retornos importantes nun dos piares da nosa economía, como é o sector servizos”.

4 de setembro de 2014 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.