publicidade hoxe

Cervo destina unha partida de 3.000 euros para as axudas ao transporte escola

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo informa de que está aberto o prazo para solicitar as axudas ao transporte escolar e que remata o 31 de outubro. En concreto, esta subvención está dirixida a alumnos cervenses que cursan os seus estudos fóra do concello, sempre que se trate de formación ou titulacións que non se impartan en ningún centro do termo municipal.

Nesta convocatoria o Concello ten prevista unha partida de 3.000 euros, financiada ao 100% con fondos propios, e cada beneficiario poderá recibir ata 200 euros. Hai que lembrar que o ano pasado incrementouse a contía por alumno, pasando de 150 a 200 euros, de forma que este ano mantense o importe. Por suposto, os beneficiarios terán que cumprir todos os requisitos que aparecen nas bases. Por exemplo, teranse en conta os ingresos económicos da unidade familiar, e o alumno deberá ser menor de 30 anos.

Ademais, o solicitante tivo que cursar algunha destas titulacións no período lectivo 2013-2014: Ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios e escolas de música, Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no instituto de San Ciprián), ou calquera das seguintes ensinanzas en grao medio ou superior, como son FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ou deportivas.

A edil de Educación, Pilar Armada, explicou que o obxectivo do Concello con esta subvención é “apoiar ás familias na educación dos seus fillos e contribuír a que exista igualdade de oportunidades. E por suposto, é unha forma de apoiar a formación e o estudo, ao igual que facemos con outras subvencións tamén municipais, como é o caso das axudas ao material escolar e libros, ás ANPAS ou aos colexios”.

Documentación

En canto á documentación a presentar, deberase entregar no Rexistro do Concello fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, fotocopia do libro de familia, autorización de todos os membros computables para obter información das diferentes administracións, copia cotexada do boletín de cualificacións ou certificación expedida polo centro educativo no curso 2013-2014 e, en caso de discapacidade ou dependencia, certificado emitido polo organismo oficial correspondente.

18 de setembro de 2014 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.