publicidade hoxe

Cedeira conta cun novo parque con embarcadoiro para piraguas e miradoiro de aves á beira do río Condomiñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

Dende esta semana, e segundo o cronograma previsto, Cedeira conta cun parque didáctico e de natureza á beira do río Condomiñas, no entorno natural da Xunqueira. O alcalde, Luis Rubido, explicou esta mañá que a intervención realizada contemplou a instalación duns 225 metros de baranda de madeira (reforzando a seguridade no lugar), a creación dunha caseta observatorio para aves, outra para servizos do parque e unha terceira para o abrigo de aves. Ubicouse tamén un embarcadoiro para o uso de piraguas e incorporáronse aseos públicos accesibles. Todo isto, con materiais respectuosos co medio. Agora, o concelleiro de Obras, Alfredo Vilela, informou de que o Concello está a completar a actuación coa restauración da ponte de madeira característica da zona. Traballos que comezaron esta semana e que concluirán previsiblemente antes do mes de outubro.

Orzamentados nuns 4.700 euros, repoñeránse as pezas deterioradas e aplicaráse un protector á madeira e barniz. Non só iso, os traballos tamén convertirán esta nunha infraestructura accesible para cadeiras de rodas e carriños. No seu conxunto, as obras permitirán poñer en valor un espazo natural privilexiado e único na vila. Singularidade que reside no seu emprazamento, xa que a pesares de situarse en pleno casco urbano é común nel a presenza dunha grande variedade de aves que o fan único. O alcalde sinala que, coas obras realizadas, ofrécese un novo reclamo para veciños e visitantes. Trátase dunha zona de refuxio de paxaros e aves migratorias, tal que patos, ocas, cisnes, garzas, cormoranes, correlinos ou mesmo nutrias. Riqueza en canto a fauna que rivaliza coa flora típica do lugar. A intervención que o fixo posible, orzamentada en 57.000 euros, foi presentada pola Administración local á liña de axudas aberta ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia, encamiñada ao financiamento de actuacións única e exclusivamente medioambientais.

12 de setembro de 2014 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.