Cedeira conta con dúas novas pistas deportivas para a práctica de tenis e fútbol sala

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

Cedeira dispón dende esta semana de dúas novas pistas deportivas exteriores para a práctica de tenis e de fútbol sala. As obras executadas polo goberno local na parcela contigua ao pavillón polideportivo municipal concluíron estes días cos traballos de pintado. Unha parcela que ata este momento se dividía en dúas áreas separadas por un bloque dun metro de altura, encontrándose unha delas nun completo estado de abandono dende hai anos, con maleza e terra.

Inicialmente, os traballos comezaron coa limpeza e acondicionamento do solar e proseguiron coa demolición e retirada do muro de bloques, pavimentos e postes de formigón. Por último, executouse a nova pista deportiva –dúas canchas para tenis e unha para fútbolsala e procedeuse ao marcaxe final. De igual xeito, o goberno local que dirixe Luis Rubido decidiu incorporar ao proxecto unha zona de gradas a pé de pista con capacidade para uns 170 espectadores. O proxecto estaba inicialmente valorado nuns 60.000 euros, aínda que finalmente a Administración local logrou aforrar ese custe ata os 20.000 destinando persoal propio para realizar parte dos traballos e recurrindo á reciclaxe de materiais doutras obras –principalmente escombro tratado procedente da demolición de beirarrúas do casco urbano– para realizar, por exemplo, a solera sobre a que se asentou a pista.

Ademáis, o Concello tamén habilitou recentemente unha nova sala multifuncional de 150 metros cadrados na primeira planta do pavillón polideportivo municipal. Anteriormente, este espazo estaba dividido nunha pequena sala e varios despachos. O goberno local sinala que se abriu o espazo coa intención de gañar en metros para a práctica deportiva.

2 de setembro de 2014 | 12:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.