Carlos Negreira anuncia un plan de mellora para o núcleo urbano de Oza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Carlos Negreira na visita ao Faro de Oza

Carlos Negreira na visita ao Faro de Oza

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, informou esta mañá sobre o acordo subscrito entre ambas as administracións para a cesión, por parte da Autoridade Portuaria, do uso do Faro de Oza e toda a súa contorna urbana ao Concello.

“Trátase dun exemplo máis do novo diálogo que establecemos entre a cidade e o porto, que cede un espazo que deixou de ter actividade portuaria para transformarse nunha zona de uso cidadán”, indicou o alcalde, quen engadiu: “Queremos transformar esta contorna para o goce de todos os coruñeses e recuperar parte do noso patrimonio, e converter o Faro de Oza nun centro cultural, social, deportivo e formativo”.

Neste sentido, Carlos Negreira explicou que, respecto á contorna urbana e previa á cesión, a Autoridade Portuaria realizará as obras de acondicionamento necesarias no espazo comprendido entre o viario de acceso e as zonas de aparcadoiro lindeiros até o contradique, onde se atopan actualmente as instalacións de xogos infantís, que tamén se incorporan ao acordo de cesión. “A Autoridade Portuaria realizará un investimento de 175.000 euros en obras de mellora da iluminación e mobiliario público e que contempla, ademais, a mellora de toda a rede de saneamento da zona co fin de integrala na rede municipal”, explicou o alcalde, quen indicou que estas actuacións, sobre unha superficie duns 23.000 metros cadrados, estarán terminadas antes do 30 de xuño de 2015, momento no que se fará efectiva a cesión desta contorna.

Respecto ao Faro de Oza, cuxa cesión se concretará nuns días ao non haber que realizar ningunha actuación de mellora, o alcalde explicou que se chegou a un acordo co Club Marítimo de Oza – O Puntal para transformalo nun centro cultural para toda a cidadanía. “Despois de 50 anos sen uso, queremos abrir este faro a todos os cidadáns, cun proxecto que vai transformalo nun centro cultural, base de conferencias e nun centro de ensino, que recuperará a historia deste antigo fortín do século XVI”, indicou Negreira, quen destacou o papel do Club na recuperación desta contorna coruñesa, cada día máis utilizado por veciños de toda a cidade e que dá servizo especialmente a un gran núcleo de poboación que inclúe barrios como Eirís, Os Castros, Monelos ou As Xubias.

“Estamos envorcados nesta liña de traballo que se traduce en que a cidade vai gañando espazo, adiantando posicións e, por tanto, transformando a contorna urbana para mellor goce de todos os coruñeses”, concluíu Negreira.

PORTO EXTERIOR

Respecto ao acceso ferroviario ao Porto Exterior, Carlos Negreira reiterou a importancia do proxecto de Punta Langosteira para a cidade e a comarca e lembrou a necesidade de que asegure a súa conexión nas mellores condicións.

“Ese tren témolo que coller miles de coruñeses porque o Porto Exterior significa traballo e riqueza. O obxectivo é que chegue canto antes, e que non o perdamos. A partir de aí, teremos que traballar para minimizar o seu impacto pero, repito, o primeiro é que ese tren salga xa”, concluíu o alcalde.

24 de setembro de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.