Cangas continúa a recibir visitantes pese ao remate da temporada estival

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Cangas continúa a recibir visitantes no mes de setembro coma o grupo de 55 persoas procedentes de Madrid que se achegou hoxe ata o noso municipio. Un ano máis e co remate do verán confirmase que foron moitos os visitantes que escolleron o Concello de Cangas para pasar as súas vacacións e disfrutaron dos 31 km de costa, que o converten no Concello galego con máis litoral, da gastronomía local e do patrimonio cultural e natural entre o que atopamos a Ex-Colexiata Santiago de Cangas, o Cruceiro do Hío, as escavacións arquelóxicas de O Facho ou os cantís da Costa da Vela

Segundo se desprende das máis de 15.133 enquisas que se realizaron aos visitantes que se achegaron ata algunha das tres Oficinas de Turismo do Municipio ( a da Casa da Bola en Cangas, a do muelle ou a de Hío), cabe destacar o variado do perfil dos turistas que escollen Cangas coma lugar no que pasar as súas vacacións.

Todos optan por formas diversas nas que disfrutar da súa estancia na vila polo que o Concello organiza, colabora e fomenta a organización de diferentes actividades e eventos para satisfacer a veciños e turistas durante todo o verán. No mes de setembro todos eles puideron vivir a chegada a Cangas da 19ª etapa da Volta Ciclista a España, un evento único que supuxo unha promoción importante da nosa vila. Coincidindo coa Volta Ciclista celebrouse a II edición da Festa do Percebe, iniciativa que serviu para potenciar un dos produtos máis importantes da actividade mariscadora de Cangas e tamén para dar a coñecer aos locais hostaleiros do municipio. Compre destacar que non so os veciños participaron deste evento, senón que moitos foron os que aproveitaron para achegarse ata Cangas e degustar os percebes e visitar a vila e os seus arredores.

Segundo se desprende dos datos obtidos polas estatísticas realizadas, un 21% dos que nos visitan proceden dalgún outro punto de Galicia, mentres que os turistas máis multitudinarios son os que proveñen do resto de España e que supoñen o 66% das consultas. A meirande parte destes turistas proveñen de Madrid cun 31,64%, seguida de Pais Vasco cun 13,32%, en terceiro lugar Castela León cun 11,51% e finalmente Cataluña cun 7,99%. En canto ao turismo estranxeiro, que sufre un incremento con respecto o ano pasado, supón o 12% do total das consultas, e na súa maioría proceden de Francia, un 24,3%, de Reino Unido un 17,75% e de Italia, cun 10,20%.

Hai que salientar que estes datos non implican o 100% da actividade turística, posto que so recolle os resultados das enquisas realizadas por aqueles que se achegaron a algunha das Oficinas Municipais de Turismo e moitos dos visitantes que recibe Cangas durante os meses de verán non é a primeira vez que visitan a vila e por iso non volven a pasar polas oficinas.

24 de setembro de 2014 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.