Cambio e reposición de máis de 50 placas nas rúas do Carballiño
O concello do Carballiño comezará nestes días a reposición das placas co nome de varias rúas do municipio, as cales desapareceran ao derrubar os edificios onde se atopaban as anteriores, e outras foron arrincadas ou estragadas en actos vandálicos.
En total vanse a colocar máis de 50 placas en rúas como Monxardín, Aquilino Sáchez ou Brasil. Así mesmo encargáronse placas novas para zonas que carecían desta identificación, como é a praza da Constitución, situada na parte traseira do concello.
No mesmo sentido da colocación de placas nominais nas rúas, o concello do Carballiño recibiu unha comunicación de parte do Instituto de Estudos Carballiñeses, relacionada co nome dunha rúa da vila. O citado centro de estudos está a realizar un traballo sobre as rúas do Carballiño, a súa orixe e o porqué do seu nome. Neste estudo localizaron unha rúa cun nome que nada ten que ver co Carballiño, e así llo fixeron saber ao concello. Trátase da rúa Francisco Castelló, que vai desde o cruzamento de Catro Camiños até a rotonda da Casa Azul.
No estudo que están a realizar o citado colectivo cultural, comprobaron como este nome non tiña ningunha relación co Carballiño, e mesmo pouco se sabe do personaxe que lle dá nome, salvo que foi unha vítima na contenda civil do pasado século.
O grupo de goberno, ao coñecer este dato, iniciou o proceso para un posible cambio de nome á citada rúa, barallándose entre outros o de rúa México, ao non contar este país cunha rúa no Carballiño.











