Cámara de Comercio, Inorde e Incyde poñen en marcha un programa de creación de empresas e autoemprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co director xeral da Fundación Incyde, Javier Collado, e o presidente en funcións da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, presentaron hoxe o novo programa para emprendedores que poñen en marcha as tres institucións, dirixido á creación e consolidación de empresas e o autoemprego. No marco do Plan “Transforma Ourense” a institución provincial colabora e coopera nesta iniciativa que vai dirixida especialmente a emprendedores dos sectores do mel e da lousa e a empresarios que queira consolidar o seu negocio.

A duración do programa será de oito semanas consecutivas a un promedio de 40 horas semanais e o número máximo de participantes será de 25 alumnos. Os obxectivos deste programa enmárcanse dentro das premisas de Europa 2020, a nova estratexia da UE que prevé a formación de persoas facilitando a súa incorporación ao mercado de traballo. Os contidos que abrangue o curso están relacionados con temas de consultoría e dirección de proxectos, marketing, comercialización, aspectos financeiros e xurídicos relativos ás empresas e temáticas de calidade, prevención de riscos laborais e medio ambiente.

Manuel Baltar dixo que da cooperación das tres institucións: Inorde, Incyde e Cámara de Comercio nace esta iniciativa que o que pretende “é favorecer a competitividade na provincia de Ourense impulsando proxectos de emprendedores que poidan facerse realidade e que contribúan a reactivar a nosa economía”.

Pola súa Banda, Juan Carlos Parada destacou que ao longo dos últimos tres anos a Cámara de Comercio contribuíu a facer realidade os proxectos de máis de 300 emprendedores e empresarios, e no que atinxe ao programa hoxe presentado sinalou que xa son vinte os alumnos inscritos. Finalmente, Javier Collado afirmou que o éxito deste proxecto nace da colaboración entre institucións e destacou o feito de que a idade media dos emprendedores neste programa é de 33 años e que o 40 % deles son mulleres.

Sector forestal

Tamén hoxe, dentro do mesmo acto, tivo lugar a clausura do Programa de creación e consolidación de empresas e autoemprego no sector forestal, agrícola e gandeiro, coa entrega de diplomas aos alumnos participantes. Con este curso, a provincia de Ourense converteuse na primeira de España en poñer en marcha un proxecto formativo destas características, polo cal xa se teñen interesado outras Cámaras españolas, e que servirá para impulsar iniciativas emprendedoras en xestión agrícola e forestal.

O presidente do Inorde agradeceu a colaboración da Cámara de Ourense e da Fundación Incyde por apoiar este compromiso, “para que entre todos poidamos contribuír ao apoio ao emprendemento e a loita contra o desemprego, que é a nosa máxima prioridade”, dixo Baltar, quen subliñou que o Plan “Transforma Ourense” verase potenciado nos anos 2015 e 2016 coa aprobación por parte do Goberno central de iniciativas dirixidas ao emprendemento en Ourense, “porque temos que sacar partido das “oportunidades” que ofrece a nosa provincia, tanto no sector primario como en outros, pois son moitos e bos os exemplos que temos nos ámbitos agroalimentario, textil, vitivinícola e na lousa, entre outros”.

17 de setembro de 2014 | 20:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.