Bugallo deixará en decembro o liderazgo no PSOE compostelán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O deputado socialista e exalcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ratificou este venres que deixará de liderar o PSOE compostelán en decembro, tras as primarias municipais das que sairá un candidato á alcaldía de Santiago.

“Unha vez que se celebren as primarias vou renunciar ao posto”, explicou Bugallo en relación ao cargo que ocupa no PSOE compostelán como secretario local. De todos os xeitos, o que foi alcalde de Santiago non abandonará o PSOE santiagués nin o seu cargo como deputado no Parlamento galego.

O deputado socialista relatou que el xa anunciara “hai dous anos” aos seus colaboradores esta decisión e “fai catro meses” a toda a asemblea local.

“Iso xa o dixen antes de que se abrise todo o proceso de primarias”, subliñou Bugallo, xusto antes de precisar que el adoita trazar plans “a medio-longo prazo” e que lle custa moito” desviarse da “ruta trazada”.

“Os de 60 temos que deixar paso aos de 40”, resolveu Bugallo, quen, de todos os xeitos, asegura sentirse “pletórico” e “en perfectas condicións”.

Xosé Sánchez Bugallo ocupou postos directivos no PSOE compostelán durante 36 anos, desde o ano 1978. Ademais, estivo á fronte do Concello de Santiago desde decembro de 1998 até as eleccións municipais de maio de 2011.

ENQUISA

No que respecta aos posibles candidatos socialistas ás eleccións municipais do próximo mes de maio en Santiago, Bugallo destacou que lle parece perfecto” que a dirección do PSdeG “teste” os nomes destes candidatos entre os veciños de Compostela.

De todos os xeitos, o deputado socialista admitiu que preferiría que a dirección do PSdeG o fixese “antes do verán e non agora”.

Nesta mesma liña, asegurou que “non” coñece o resultado da enquisa e que “non” ten “ningunha reserva” cara a “ningún dos catro ou cinco nomes” incluídos na mesma.

A continuación, confesou que preferiría que as primarias fosen o 19 de outubro, “como no resto de España”. Aínda así, sinalou que, se o PSdeG tomou a decisión de celebralas o 30 de novembro, “as súas razóns tería”.

Entre elas, apunta Bugallo ao desexo de “coñecer o resultado destas enquisas”, que asegura que non só teñen lugar en Santiago, senón en “polo menos, outras dúas cidades galegas”.

Sobre ésto, o PSdeG iniciou, o pasado día 15, unha enquisa entre os veciños de Santiago para coñecer as súas preferencias sobre os posibles candidatos ás eleccións municipais do próximo mes de maio.

Ademais das dúas persoas que, polo momento, expresaron a súa vontade de concorrer ás primarias -os concelleiros Paco Reyes e Mercedes Rosón-, o PSdeG decidiu incluír á súa secretaria de Organización, Pilar Cancela, quen o pasado xoves asegurou que non tiña “nin idea” diso.

Xunto con estas tres persoas engadiuse ao profesor universitario Xaime Barreiro, quen xa descartou que fose dar o paso de concorrer aos comicios, e ao exportavoz do PSOE no Parlamento galego Xoaquín Fernández Leiceaga.

26 de setembro de 2014 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.