publicidade hoxe

Brión celebrará o II Día da Bicicleta o domingo 14 de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A Piscina Cuberta Municipal de Brión e a asociación cultural, medio ambiental e deportiva “O Esquío no Piñeiro” organizan a segunda edición do Día da Bicicleta. Esta actividade, que se encadra dentro da programación da III Ruta BTT Río Tambre, terá lugar o próximo domingo 14 de setembro e consistirá nunha Ruta Mini BTT na que se reivindicará o uso da bicicleta como medio de transporte alternativo e saudable.

Esta ruta está pensada para toda a familia, dende os máis pequenos da casa ata os papás e mamás que os acompañen. A Ruta Mini BTT constará dun recorrido de dificultade baixa que se iniciará ás 11:00 horas dende a Piscina Cuberta Municipal. O circuíto está deseñado para que calquera poida rematalo sen problemas e estará controlado en todo momento polas forzas de seguridade locais e por voluntarios colaboradores. Aínda así, os nenos e nenas que queiran participar deberán ir acompañados en todo momento por un adulto.

A marcha ciclista prolongarase durante aproximadamente 30 ou 40 minutos (segundo o ritmo dos participantes). Ao rematar, haberá agasallos para todos os nenos e nenas participantes, avituallamento e lambetadas, etc. Haberá vestiarios e duchas na propia Piscina Cuberta Municipal e os participantes e acompañantes que o desexen poderán facer uso libre da piscina unha vez remate a ruta. Os interesados en participar nesta ruta deberán anotarse na Piscina Cuberta Municipal de Brión ou chamar ao teléfono 981 88 73 46. O prezo da inscrición é de 1 euro.

2 de setembro de 2014 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.