Brión celebra con música e tirada de fogos de artificio a Véspera de Santa Minia
O Concello de Brión ten todo listo para celebrar un ano máis a tradicional Romaría de Santa Minia, que terá lugar este venres, sábado e domingo. Un ano máis, a contorna da carballeira de Santa Minia será o epicentro de todas as actividades relixiosas e lúdicas. “Agardamos a visita de milleiros de fieis e romeiros, xa que o tempo acompañará e experiencias de anos anteriores nos din que cando o día de Santa Minia cae en sábado iso incrementa especialmente a chegada de xente de todos puntos de Galicia, especialmente en excursións organizadas”, explican o alcalde brionés, Xosé Luís García.
Hoxe mesmo quedarán instaladas a carón da carballeira as 5 polbeiras e as distintas atraccións para os nenos, que ofrecerán os seus servizos durante os próximos tres días. Alberto Álvarez, coordinador da Festa de Santa Minia, explica que “temos confirmada a presenza de máis de 150 postos de venda, que comezarán a instalarse mañá venres” e adianta unha novidade. “este ano imos a habilitar para o público os baños do centro social polivalente e da biblioteca municipal, xa que foi unha necesidade que nos fixeron chegar moitos romeiros”.
Operativo de seguridade
O Concello de Brión xa ten listo o operativo que velará pola seguridade e comodidade dos visitantes, composto por unha vintena de efectivos entre membros de Protección Civil e Policía Local. Eles serán os encargados de atender aos milleiros de romeiros que acudan a Santa Minia. O Concello ten habilitadas seis zonas de aparcamento de balde en distintos lugares de Pedrouzos, con capacidade para ata 3.000 vehículos, e que estarán convintemente sinalizadas.
Alberto Álvarez aconsella aos visitantes “que se deixen guiar polos efectivos de Protección Civil que estarán na zona, que lles indicarán a mellor opción de aparcamento, segundo a ocupación de cada parcela en cada momento”. Un ano máis, o Concello de Brión lembra que a utilización dos aparcamentos habilitados é totalmente gratuíto e que non hai que aboar cota algunha.
Os autobuses farán transbordo no Centro Social Polivalente, pois a avenida de Santa Minia estará cortada á circulación de vehículos tanto na noite do venres 26 como durante todo o sábado 27 de setembro. Un corte xustificado polos máis de 150 postos de venda que ocuparán ambas marxes da avenida. Durante esta semana, os veciños residentes na zona xa retiraron os seus correspondentes pases especiais, de xeito que poderán acceder cos seus vehículos ata os seus garaxes sen problemas.
Véspera
As Festas de Santa Minia comezarán mañá venres ás 12:00 horas coa Charanga Mekánica. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda dunha das sensacións do ano pasado: Cé Orquestra Pantasma; ao que seguirá a actuación da Fanfarria Taquikardia (ás 20:00 horas). Pola noite, a verbena estará protagonizada dende as 22.30 horas polas orquestras Abanico e Ismael. Á medianoite está programado un espectáculo de fogos de artificio, coa tradicional ‘queima da fachada’ de Santa Minia. No que atinxe aos oficios relixiosos, terán lugar ás 9, 12, 18, 19 e 20 horas.











