publicidade hoxe

Brión aproba por unanimidade a Conta Xeral de 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Pleno municipal de Brión aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía sobre a Conta Xeral do Orzamento de 2013, que recolle uns fondos líquidos de Tesourería de 721.635,52 euros; uns dereitos pendentes de cobro de 353.825,72 euros e unhas obrigas pendentes de pago de 327.026,65 euros. Unha Conta Xeral que conta co dictame favorable da Comisión Especial de Contas e que foi exposta durante 15 días sen que se presentase reclamación algunha, polo que agora será enviada en tempo e forma ao Consello de Contas de Galicia.

De feito, a necesidade de remitir a Conta Xeral de 2013 ao Consello de Contas foi o que motivou o cambio da data inicialmente prevista para o pleno ordinario de setembro, establecida por acordo de todos os grupos para o pasado mércores 3 de setembro. Porén, todos os grupos municipais aceptaron a proposta do alcalde brionés, Xosé Luís García, de pospoñer a sesión unha semana para evitar ter que convocar un pleno extraordinario e os gastos que isto conlevaría. Unha decisión que foi ratificada co apoio unánime do Pleno no inicio da sesión de hoxe.

Festivos locais

O Pleno tamén ratificou por unanimidade a proposta de festivos locais para 2015: 14 de maio (Festas da Ascensión) e 24 de xuño (San Xoán). Así mesmo, Intervención e Secretaría deron conta dos informes trimestrais sobre cumprimento dos prazos previstos na Lei 15/2010 de loita contra a morosidade correspondentes ao 2º Trimestre de 2014, que determinan que non existe ningunha factura pendente de recoñecemento. Finalmente, deron conta de que o Concello de Brión cumpre coa regra de gasto e co principio de estabilidade orzamentaria.

A unanimidade da sesión rompeuse na quenda de mocións. Os grupo municipal socialista presentou catro mocións, que saíron adiante cos mesmos resultados na votación: 9 votos a favor (PSOE e BNG) e 4 votos en contra (PP). Nas mocións aprobadas, o pleno de Brión insta ao Goberno de España a derrogar a parte do Decreto Lei que entregou os Rexistros Civís aos rexistradores da propiedade; a non modificar a lei electoral a tan só 9 meses dos comicios; a manter ou incrementar os fondos para o Plan de Axuda Alimentaria de persoas necesitadas; e a estender o subsidio de desemprego aos parados de longa duración con responsabilidades familiares.

Finalmente, o Pleno aprobou por unanimidade unha moción do PP, emendada polo grupo socialista, para esixirlle á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia a instalación dos horarios nas paradas do autobús metropolitano en Brión así como marquesiñas naquelas paradas que carecen delas. A moción do PP instaba inicialmente ao alcalde de Brión a colocar estes horarios, polo que Xosé Luís García solicitou un cambio na moción xa que a colocación dos horarios e das marquesiñas é un compromiso e unha obriga da Xunta de Galicia, tal e como está regulado no convenio de Transporte Metropolitano do 3 de decembro de 2010. Aceptado o cambio, a moción aprobouse por unanimidade.

10 de setembro de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.