Brión agarda a chegada de milleiros de romeiros e devotos de Santa Minia
Brión agarda un ano máis a chegada de milleiros de romeiros e devotos dende toda Galicia co gallo da súa tradicional Romaría de Santa Minia. Se o ano pasado a choiva fixo minguar a asistencia de xente, as boas previsións meteorolóxicas e a coincidencia da festividade en sábado fan prever unha gran asistencia de xente durante esta fin de semana.
O momento de maior afluencia agárdase a iso das 13:00 horas, momento no que coinciden os devotos que asisten á misa solemne e os que fan as súas ofrendas á Santa cos romeiros que acoden á sesión vermú e a comer o polbo e o churrasco nas 5 polbeiras instaladas na contorna. Ao longo desta tarde-noite quedarán instalados os máis de 150 postos de venda que ateigarán a avenida de Santa Minia para a venda de rosquillas, roupa, chourizos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, xeados…
Programa Santa Minia
A celebración do día de Santa Minia comezará ás 9:00 horas, coa primeira das misas. Ademais da misa solemne das 13:00 horas, haberá misas cada hora entre as 9:00 e as 13:00 horas e entre as 17:00 e as 20:00 horas. Milleiros de devotos chegados en autobuses de toda Galicia (especialmente da comarca e das vilas de Vigo e Ferrol) acudirán a cumprir coa tradicional visita á santa, bicar o sepulcro onde repousan os seus restos e pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dealeira sorte durante todo o ano.
Por razóns de seguridade, por cuarto ano consecutivo non se permitirá que as velas de ofrenda que traen os romeiros se depositasen na capela. No seu lugar, serán depositadas nun local anexo á finca onde teñen lugar as misas. Dende a parroquia teñen todo organizado para que se poidan prender velas nese lugar e depositar as figuriñas de cera (con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia) que os devotos presentaran minutos antes diante da Santa e que mercaran nos postos que rodean a capela de Santa Minia. Uns postos que o ano pasado “innovaran” ofrecendo figuras de animais, para pregar tamén pola saúde das mascotas do devoto.
Paralelamente aos oficios relixiosos, a parte festeira da festa comezará ás 10:00 horas coa actuación da Charanga Mekánica, que dará paso ás 12:00 horas á Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón. A orquestra Canadá encargarase da sesión vermú a partir das 14:00 horas. Xa pola tarde, a praza do Concello acollerá dende as 18:00 horas o IX Certame de Bandas de Música, no que participarán a Asociación Cultural e Musical Solfa, a Unión Musical de Ponteledesma e a Banda de Música Municipal de Brión. Ás 20:00 horas será o momento da murga “O ghusto do Boi”. Da verbena nocturna encárganse as orquestras Canadá e América.
Operativo de seguridade
O Concello de Brión xa puxo hoxe en marcha o operativo especial que velará pola seguridade e comodidade dos visitantes, composto por unha vintena de efectivos, entre membros de Protección Civil e Policía Local. O Concello ten habilitadas seis zonas de aparcamento de balde, con capacidade para ata 3.000 vehículos, e que están convintemente sinalizadas.
Dende Protección Civil aconsellan aos visitantes que se deixen guiar polos efectivos que estarán na zona, que lles indicarán a mellor opción de aparcamento, segundo a ocupación de cada parcela. O Concello de Brión lembra que a utilización dos aparcamentos habilitados é totalmente gratuíto e que non hai que aboar cota algunha. Os autobuses farán transbordo no Centro Social Polivalente, pois a avenida de Santa Minia estará cortada á circulación de vehículos.











