Brión acomete a mellora e mantemento de máis de corenta pistas rurais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Mantemento de viarios

Mantemento de viarios

O Concello de Brión está a acometer estes días distintos traballos de mellora e mantemento nun total de 41 pistas rurais das nove parroquias do municipio. Uns traballos incluídos no Plan DTC 93 da Deputación da Coruña, cuxos 156.000 euros foron investidos na compra de material (grava, zahorra e rego asfáltico), e que están sendo executados polas brigadas municipais de obras do Concello de Brión.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, visitou esta mañá as obras de mellora dos accesos á igrexa de Santa María de Viceso, onde se está a mellorar a firmeza do firme dos 1,2 quilómetros que unen esta igrexa coa estrada Urdilde-Negreira. Unha visita na que estivo acompañado polo voceiro municipal dos Socialistas de Ames, Xosé Miñones, quen quixo coñecer sobre o terreo como actúa o Concello de Brión á hora de contratar e executar este tipo de traballos.

Aforro para o veciño

Xosé Luís García explicoulle que o Concello de Brión dispón dun amplo parque de maquinaria, acumulado ao longo dos últimos trinta anos, así como cunha brigada de obras composta por traballadores de Brión e cunha gran experiencia na materia. “Desta forma, todos os cartos se invisten na compra de material e podemos facer moitas máis actuacións que si tiveramos que contratar os traballos a unha empresa externa”, apunta o alcalde brionés.

García indicoulle a Miñones que “os proxectos das obras fainos o arquitecto municipal e así non temos que pagar ningún sobrecoste para que una terceira empresa teña beneficios e podemos facer máis actuacións, o que redunda en beneficio dos veciños e veciñas de Brión”. Así o puideron comprobar estes días os veciños dos Ánxeles, onde se actuou sobre a pista entre as aldeas de O Tremo e O Cabo, así como actuacións de mellora en Piñeiro e en Sanín. Ademais, para a semana están previstas novas obras na localidade de A Graña, na parroquia de Cornanda.

Transposición a Ames

Xosé Miñones amosouse sorprendido pola eficacia e profesionalidade coa que actúan as brigadas municipais de obras de Brión, así como pola calidade da súa maquinaria. O voceiro municipal socialista explica que “de chegar á Alcaldía, penso que esta opción sería moito máis beneficiosa para as parroquias de Ames pois, a pesar de que se inviste todo o POS en obras, non é suficiente e moitas delas están nun estado lamentable”.

Miñones considera que “o Concello de Ames debería estudar a posibilidade de facer un convenio de colaboración con Brión para poder compartir esta maquinaria, formar ao noso propio persoal e poder mellorar a nosa rede de camiños e estradas”. O voceiro municipal socialista considera que este tipo de colaboración “debería ser unha prioridade, pois poderemos ser moito máis eficaces e facer moitas máis obras cos mesmos cartos, o que repercutirá na mellora do benestar dos nosos veciños”.

11 de setembro de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.