publicidade hoxe

Brión abre o prazo de inscrición nas actividades culturais e deportivas do vindeiro curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión abre prazo de inscrición no seu programa de actividades culturais e deportivas para o novo curso 2014-2015. A inscrición nas actividades deberá realizarse de xeito presencial na Casa da Cultura de Brión, en horario de 9:00 a 14:00 horas, antes do próximo 19 de setembro. O programa de actividades xa está colgado nas distintas webs do Concello de Brión ou a través desta ligazón: http://issuu.com/bibliotecadebrion/docs/axenda_cultural_deportiva-2014-15/0.

As actividades darán comezo o día 1 de outubro de 2014 e rematarán o 19 de xuño de 2015. O programa inclúe propostas deportivas, culturais e formativas para os nenos e nenas de Brión, así como un amplo abano de actividades deportivas e culturais para adultos. Coas excepcións do Club Camaleón (10 euros/trimestre), Club de lectura (de balde), Curso de Inglés (150 euros/ano) e deporte para adultos (120 euros/ano), o prezo do resto das actividades será de 80 euros/anos.

O Concello de Brión mantén tamén os descontos establecidos o ano pasado, de xeito que bonificará cun desconto do 50% do custo da actividade nos casos de inscrición nunha segunda actividade. Así mesmo, o Concello de Brión establece bonificacións especiais para as familias, non acumulables coa bonificación anterior. Así, as familias con dous fillos disfrutarán dunha bonificación do 50% en todas as actividades do seu segundo fillo. As familias numerosas contarán cunha bonificación do 100% a partir do terceiro fillo, é dicir, que disfrutarán das actividades de xeito gratuíto.

Actividades culturais e formativas

O programa de actividades culturais inclúe tres propostas. A Biblioteca Municipal de Brión oferta dúas actividades: o club de lectura (actividade mensual e gratuíta dirixida a maiores de 16 anos) e o Club Camaleón (actividade de fomento da lectura dirixida a nenos e nenas de 3 a 8 anos en compaña das súas familias). A participación no club de lectura é totalmente de balde, mentres que no Club Camaleón a cota é de 10 euros por trimestre.

No que atinxe á Escola Municipal de Danza e Música Tradicional ofertará tres cursos: Baile galego e Pandeireta (maiores de 3 anos), Baile Moderno (de 4 a 18 anos) e Gaita e Percusión (maiores de 6 anos). Os tres cursos terán un custo de 80 euros/ano.

O programa tamén inclúe tres actividades de tipo formativo. A primeira é o curso de iniciación á pintura, dirixido a veciños e veciñas entre 6 e 16 anos. Celebrarase no centro social polivalente e terá un custe de 80 euros. O segundo curso é o tradicional sobre novas tecnoloxías, dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 16 anos e que terá lugar na Aula CeMIT. O seu prezo é tamén de 80 euros anuais. Finalmente, o centro social polivalente tamén acollerá as clases de inglés para nenos e nenas entre 4 e 9 anos. Neste caso, o curso custará 150 euros/ano.

Actividades deportivas

No que atinxe ás actividades deportivas, a oferta do Concello de Brión abrangue actividades para adultos e para menores de 16 anos. Así, as Escolas Deportivas do Concello de Brión inclúen este ano predeporte (de 3 a 6 anos), fútbol sala (de 6 a 13 anos), ximnasia rítmica (de 4 a 16 anos) e iudo, patinaxe, fútbol-7 e tenis (de 6 a 16 anos). Todas elas terán un custe de 80 euros anuais. A oferta deportiva para os maiores de 16 anos inclúe ximnasia de mantemento e ioga, cun prezo anual de 120 euros.

1 de setembro de 2014 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.