BioSpain destaca o modelo de referencia internacional de Galicia en compra pública innovadora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Biospain

Biospain

O traballo da Consellería de Sanidade en materia de innovación e o “modelo de referencia internacional” co que conta Galicia en compra pública innovadora estarán presentes na organización do 7º Encontro Internacional de Biotecnoloxía, BioSpain 2014, que acolle Santiago de Compostela desde este mércores.

Así o sinalou en rolda de prensa Jorge Barrero, adxunto á presidencia da Asociación Española de Bioempresas (Asebio), entidade organizadora do encontro. Barrero destacou que a elección de Galicia para celebrar a edición 2014 deste encontro bianual obedece, entre outras cuestións, ao recoñecemento do traballo realizado nos últimos anos pola Consellería de Sanidade en materia de innovación sanitaria.

Jorge Barrero explicou aos medios de comunicación que este labor é algo que “merece a pena ensinar” e asegurou que, en particular, o modelo galego de compra pública innovadora é “de referencia a nivel internacional”.

Máis de 800 entidades privadas e públicas asistirán até o venres en Compostela ao encontro, que rexistra un crecemento de en torno ao 10 por cento en participación. Jorge Barreiro destacou en particular a crecente presenza nas últimas edicións de hospitais públicos, unha tendencia coa que se mostrou “moi satisfeito”.

Do total de participantes, Asebio destacou que uns 300 son de fóra de España, procedentes de 36 países, o que supón un 40 por cento do total, fronte ao 28 por cento de participantes internacionais na pasada edición.

BioSpain 2014, que coincide en celebración co Ano da Biotecnoloxía en España, conta con 200 expositores e a presenza de 50 investidores que participarán nun Foro para analizar os plans de negocio de 40 empresas de varios países. Os encontros prevén superar as 3.000 reunións de negocio e os 2.000 asistentes totais ao evento, o que converterá a BioSpain 2014 no cuarto evento mundial por reunións de desenvolvemento de negocios no sector.

Entre os participantes este mércores atópase a ministra de Sanidade, Ana Mato, que visitará BioSpain acompañada do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e uns 20 conselleiros autonómicos de saúde, economía, alimentación e medioambiente.

RELATORES DE PRESTIXIO

Entre os relatores de “primeiro nivel” cos que conta o evento, Jorge Barrero destacou a Luiz Sampaio, director de asistencia médica do Regenerative Medicine Research do Texas Heart Institute, con importantes descubrimentos en enxeñaría de tecidos; e a Joseph Fernández e Jay Short, protagonistas de dous dos maiores casos de éxito en biotecnoloxía de Estados Unidos -Invitrogel e Stratagene-, que participarán nun encontro.

Así mesmo, tamén destacou a conferencia que o venres organizará a Sociedade Española de Virología, sobre virus e biotecnoloxía, que contará coa presenza do investigador Rafael Delgado, coñecido polos seus traballos ao redor do ébola.

O evento contará como novidade con Biolatam Showcase, un espazo destacado para a biotecnoloxía iberoamericana, que conta coa presenza de países como México, Colombia, Brasil, Chile, Costa Rica ou Uruguai e a II edición do Foro de Formación e Emprego, ao que asistirán gratuitamente 300 buscadores de emprego e estudantes do sector.

BioSpain aposta por primeira vez polo modelo “innovación en aberto”, co que a feira cedeu algúns dos seus contidos a “socios de prestixio”, en concreto a 10 sociedades científicas que organizan sesións dentro do evento.

24 de setembro de 2014 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.