Berros do Castro presenta “Tanto Encanto Reunido” en San Sadurniño
A asociación Berros do Castro trae este sábado á Casa da Cultura -20.00h.- o seu último traballo, o libro-cd “Tanto Encanto Reunido”. Trátase dunha obra editada por Embora que busca condensar o son e a historia recente da música tradicional das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A entidade presentou o traballo no mes de maio tras un intenso labor de recuperación de instrumentos, fotografías e partituras. Agora chega a San Sadurniño cun evento no que, ademais de mostrar o libro, tamén interpretarán algunhas pezas. Non será o último evento da entidade durante este mes de setembro, xa que o sábado 27 volven as Xornadas de Cultura popular Galega, que nesta edición levan o título de “De trompas, bichos e outras músicas”.
“Tanto Encanto Reunido” é un luxoso álbum fotográfico cos recordos a través do tempo da grande familia da música popular da comarca. Os Berros recopilaron imaxes de músicos e formacións, pero tamén partituras e gravacións incorporadas ao cd que se inclúe na contracapa do libro. Parte desta investigación formou parte da exposición itinerante “Unha imaxe, unha melodía, un recordo” e tamén do disco “Eirexado S/N”. Agora a asociación actualiza aquel traballo con novos achádegos e cun formato para ter e escoitar na casa. O volume recolle imaxes de artesáns de instrumentos tradicionais, gaiteiros e acordeonistas solistas, grupos de gaitas, murgas e bandas de música que tiveron protagonismo no tempo de lecer das xentes da súa época en toda a volta.
Segundo a asociación, un dos obxectivos que se marcaron co disco foi o de rexistrar a maior variedade posible de ritmos tradicionais, relacionando cada unha das melodias seleccionadas coas imaxes que se recollen no álbum fotográfico. Trátase dunha escolma de quince melodías que formaban parte do repertorio dalgúns destes músicos populares, interpretadas imitando a formación musical orixinal, ou recuperadas de gravacións feitas aos propios músicos das fotografías, como é o caso do corte sonoro que pecha o disco, unha mazurca interpretada por Manuel Prieto e Andrés Nieto, afamados músicos populares de Ferrolterra.
“Tanto Encanto Reunido” preséntase este sábado na Casa da Cultura a partir das oito do serán cun formato a medio camiño entre o concerto e a conferencia. Berros do Castro proxectarán algunhas das imaxes do libro e interpretarán diferentes cortes sonoros que contén o CD. Durante a proxección das imaxes o grupo fará un percorrido expositivo polo devir da música popular en toda a volta e pola vida dos seus principais protagonistas, os músicos.
VI Xornada de Cultura popular galega
Desde o ano 2009 a entidade organiza no último sábado de setembro a Xornada de Cultura popular galega para promocionar, dinamizar e por en valor diferentes aspectos relacionados coa tradición cultural. Este ano a xornada será o 27 de setembro e desenvolverase na Casa de Cultura co título De trompas, bichos e outras músicas.
Seguindo a estrutura das anteriores edicións, o encontro divídese en 3 bloques culturais. O primeiro bloque é de natureza expositiva, e nel inclúese a exposición Unha ollada natural que recolle os cadernos de campo e as ilustracións de guias da fauna e flora galegas do naturista ferrolán Calros Rodríguez Silvar. O segundo dos bloques ten carácter didáctico e incorpora un obradoiro sobre recursos interpretativos para trompa galega. No terceiro dos bloques inclúense as actuacións de Che Vázquez e Francis Olivier Almeida -concerto de trompa galega-, do cuarteto de gaitas Xente Nova de Ferrol e unha conferencia-recital do grupo castelán JAMBRINA&MADRID, sobre a música tradicional transfronteiriza entre Galicia e Castela.
A entrada aos concertos é gratuíta. Porén, no caso dos obradoiros haberá que apuntarse previamente. Hai máis información no correo berrosdocastro@gmail.com.











