Benestar traballará coas ferramentas precisas para facilitar a detección de calquera situación de risco dos menores

Amparo González no encontro
A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, destacou hoxe que a Consellería de Traballo e Benestar conta “co firme compromiso de seguir a traballar con todas as ferramentas, instrumentos e protocolos para facilitar a detección, comunicación e atención de calquera tipo situación de risco ou desprotección de menores”.
Amparo González participou hoxe na clausura do encontro ‘A protección xurídica dos menores’, organizado pola UIMP na Coruña. Na súa intervención, González referiuse a ferramentas como a liña telefónica de axuda á infancia ou o Rexistro unificado de maltrato infantil (RUMI).
A liña telefónica, que conta cun número común para toda Europa, o 116111, é gratuíta e está atendida por persoal especializado durante as 24 horas do día. Este teléfono permite prestar atención á infancia en dous sentidos: dunha banda, facilita que os nenos e nenas poidan expresar libremente as súas preocupacións ou problemas e recibir axuda profesional e orientación para resolvelos; e, doutra, constitúe unha canle para que os adultos que albergan sospeitas de que se está a producir un caso de maltrato ou desprotección poidan comunicalo de forma anónima. Desde 2009 ata agora xa se recibiron preto de 8.000 chamadas neste número.
En canto ao RUMI, foi creado pola Consellería en 2010. Trátase dunha ferramenta informática na que se rexistran as posibles situacións de malos tratos á infancia, simplificando os trámites, reducindo os tempos de intervención e mellorando a eficiencia da actuación pública. Desde a súa posta en marcha, máis de 2.000 profesionais dos centros educativos e das forzas de orden público teñen sido dados de alta como usuarios do mesmo.
Acollemento familiar
A responsable de Familia apuntou que actualmente case 4.000 menores teñen expediente de protección aberto, estando tutelados 1.470 nenos e nenas e 300 en situación de garda administrativa. O departamento autonómico mantén unha “firme aposta” polo acollemento familiar “como a mellor alternativa para os nenos e nenas que atravesan una situación temporal de afastamento dos seus pais, e o demostra o peso que os programas destinados ao acollemento familiar, tanto en familia extensa como en familia allea, teñen no marco das nosas políticas de familia”.
Actualmente en Galicia hai máis de 1.000 nenos que se atopan en acollemento familiar, dos que preto de 150 nenos e nenas están o estiveron en situación de acollemento en familia allea ao longo do ano. Isto quere dicir que máis do 60% dos menores en situación de desprotección están cunha familia, fronte ao 35% que se atopan en centros residenciais.











