Benestar organiza unha reunión sobre as recomendacións en materia de saúde mental nas escolas

A secretaria xeral de Política Social no encontro sobre saúde mental. Foto: X. Crespo
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, introduciu hoxe un encontro celebrado en Santiago sobre saúde mental nas escolas. A reunión tivo por obxectivo debater sobre as recomendacións que sobre esta materia teñen elaborado os integrantes dun dos grupos de traballo da ‘Acción Conxunta Europea sobre saúde mental e benestar’.
A iniciativa contou coa presenza de entidades relacionadas co sector da saúde mental dos nenos e nenas e dos adolescentes de especialidades como a saúde, os servizos sociais ou a educación.
A ‘Acción conxunta europea sobre saúde mental e benestar’ ten unha duración de tres anos e pretende construír un marco de actuación en política a nivel europeo baseado no traballo previo desenvolto no marco do Pacto Europeo pola Saúde Mental e o Benestar.
Na mesma participan 50 socios que representan 27 estados membros da Unión Europea e países asociados, así como 12 organizacións europeas. Céntrase na promoción da saúde mental no lugar de traballo e nas escolas, o desenvolvemento de accións sobre depresión e suicidio, aplicación de plantexamentos de e-saúde, atención de saúde mental para persoas con trastornos mentais graves mediante métodos de inclusión social e a promoción da integración da saúde mental en todas as políticas.
A ‘Acción’ conta con oito grupos de traballo, o número 7, relativo á saúde mental nas escolas, é no que participa a Xunta a través da Consellería de Traballo e Benestar.











