Benestar inviste 180.000 euros en 49 proxectos xuvenís do programa ‘Iniciativa Xove’ en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Un total de 49 asociacións xuvenís ou grupos informais de mozos e mozas da provincia de Pontevedra están a executar proxectos financiados no marco do programa de participación xuvenil da Consellería de Traballo e Benestar “Iniciativa Xove”, cun investimento de 180.000 euros.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe en Nigrán no proxecto “Onda Miñor”, que desenvolven os mozos e mozas dun grupo informal da localidade. Esta iniciativa ten como obxectivo ofrecer á cidadanía cursos de iniciación ao mundo radiofónico, no que están a participar medio cento de veciños da comarca.

Rodeiro lembrou que ‘Iniciativa Xove’ “forma parte dos programas de renovación das políticas de Xuventude da Xunta de Galicia, que na actualidade xiran en torno a xestionar actuacións baseadas na adquisición de novas competencias a través da educación non formal”.

O responsable de Xuventude asegurou que este programa permite aos mozos e mozas demostrar a capacidade de organizar os seus propios proxectos, ao tempo que estimula o protagonismo, a creatividade e o liderado xuvenil.

O director xeral tamén destacou que a participación xuvenil en programas de educación non formal “conleva o desenvolvemento de valores como as aptitudes comunicativas, organizativas e de planificación, o traballo en equipo, o sentido da iniciativa ou a autoconfianza, autonomía e iniciativa persoal”.

Este programa conta con programas vinculados co emprendemento e a empregabilidade, que están agrupados baixo o epígrafe de ‘Iniciativa Xove emprendedora’. Tamén destacan iniciativas dirixidas a favorecer a integración de colectivos con diversidade funcional ou en risco de exclusión social; a creatividade; o coñecemento e o respecto do contorno natural, a intervención ambiental e o fomento dos bos hábitos neste eido; a rehabilitación e renovación de espazos degradados; e os relacionados coas novas tecnoloxías.

No total de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar financia este ano con máis de 500.000 euros un total de 137 proxectos de educación non formal que desenvolven preto de 700 mozos e mozas pertencentes a grupos informais, así como asociacións e entidades xuvenís.

18 de setembro de 2014 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.