Belén do Campo supervisa as obras de mellora do CEIP Wenceslao Fernández Flórez de Cambre
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Wenceslao Fernández Flórez, de Cambre, para supervisar o resultado das obras de mellora e acondicionamento que se estiveron a levar a cabo as últimas semanas e que contaron cun investimento próximo aos 123.000 euros.
Do Campo percorreu as dependencias escolares acompañada polo alcalde, Manuel Rivas, e pola directora, Ana María Rial. A representante do Executivo galego na provincia recordou que o Goberno autonómico, a través da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acometeu este verán a creación de tres novas aulas que darán servizo á área de Primaria. Estes novos espazos habilitáronse nas antigas instalacións administrativas do centro, que, á súa vez, foron recolocadas na antiga casa do conserxe, obxecto tamén de reforma nas últimas semanas. Esta intervención completouse coa reparación dunha das cubertas do colexio.
O proxecto executouse durante o período non lectivo das vacacións, co fin de non interferir no desenvolvemento da actividade académica. Nestes momentos, os traballos atópanse rematados, así como todas aquelas labores destinadas ao acondicionamento e adecuación dos novos espazos, polo que o vindeiro día 10 de setembro os preto de 515 escolares matriculados a día de hoxe poderán comezar as clases neste CEIP con total normalidade, ao igual que no resto de colexios da provincia.
A delegada territorial aproveitou a súa visita a Cambre para agradecerlle ao rexedor a cooperación e o traballo realizado desde o concello para sacar adiante este proxecto, así como á comunidade educativa, “que en todo momento se mostrou disposta a colaborar”. Con estas actuacións, indicou a representante do Goberno galego na provincia, a Xunta “está a dar resposta ás necesidades educativas detectadas no municipio, cumprindo o compromiso adquirido cos traballadores e coa AMPA deste centro, cos que se consensuaron estas medidas”. Na mesma liña, subliñou que “a Xunta seguirá a traballar para avanzar na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.











