Belén do Campo mostra o seu apoio ao labor da Asociación Galega de Ataxia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Belén do Campo na visita á mesa informativa de AGA

Belén do Campo na visita á mesa informativa de AGA

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe na Coruña a mesa informativa da Asociación Galega de Ataxia (AGA) instalada no edificio administrativo do Goberno galego en Monelos con motivo do día internacional desta doenza, que se conmemora hoxe.

A máxima representante do Executivo autonómico na provincia trasladou aos representantes da entidade que preside Estrella Pita o apoio ao seu labor e aproveitou para facer un recoñecemento ao grande esforzo feito polos familiares destes pacientes e polos profesionais da asociación na que se integran, “cos que é necesario traballar e colaborar”.

Do Campo recordou que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, ven asinando convenios de colaboración anuais con Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, na que está integrada a AGA, co obxectivo de buscar unha atención o máis próxima posible a todos os que padecen algunha enfermidade rara e aos seus familiares e de aproveitar todos os recursos que a mesma sociedade crea. Na súa sede da Coruña, AGA presta aos afectados por esta doenza e ás súas familias servizos de información e asesoramento sociosanitario, rehabilitación, intervención social, apoio e asistencia psicolóxica.

Con motivo dos actos vinculados ao Día Internacional da Ataxia, a asociación levará a cabo una campaña de difusión da enfermidade, así como a colocación de mesas informativas e de recadación de donativos destinados á investigación. Así, durante o día de hoxe estas mesas estarán situadas en diversos puntos da Coruña -ademais do edificio administrativo da Xunta-, como nos Cantóns e a praza de Lugo.

25 de setembro de 2014 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.