Beatriz Mato aposta pola atención de calidade e a prevención na loita contra o alzhéimer

Beatriz Mato na inauguración da exposición. Foto: A. Varela
A Consellería de Traballo e Benestar mantén unha firme aposta na loita contra o Alzhéimer, baseada en dous eixos fundamentais: a prevención e a atención de calidade.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe en Santiago a exposición ’15 anos de esforzo compartido’, organizada pola Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias (FAGAL), e con motivo da celebración, o próximo domingo, do Día mundial desta enfermidade, baixo o lema ‘Solidarios co Alzhéimer’.
A titular de Benestar indicou que esta loita necesita un compromiso conxunto dos enfermos, as familias e a sociedade en xeral. En canto á Xunta, no eido da prevención, o obxectivo pasa por aumentar a esperanza de vida libre de dependencia dos galegos e galegas. Para iso cóntase por primeira vez coa ‘Estratexia de prevención e detección precoz da dependencia 2013-2016, horizonte 2020’. O documento recolle preto de 400 medidas concretas e vai marcar a folla de ruta das políticas de prevención en Galicia durante os próximos anos.
Segundo explicou Mato, “a estratexia aposta por anticiparse á presenza do problema e, polo tanto, actuar sobre os factores que poden ocasionalo e tomar as medidas necesarias para evitalos”. Para que isto sexa unha realidade estase a traballar en aspectos como a promoción da autonomía persoal; o envellecemento activo; a aplicación das novas tecnoloxías ás políticas de prevención; unha coordinación total coa Consellería de Sanidade, elaborando instrumentos tan importantes como a Estratexia de Atención Integral á Cronicidade; ou a colaboración con outras rexións no marco de programas europeos.
Doutra banda, cómpre destacar a necesidade de prestar unha atención de calidade ás persoas que padecen Alzhéimer baseada na eficiencia. Neste sentido, Beatriz Mato referiuse á Carteira de Servizos para as persoas con dependencia, posta en marcha a finais do pasado ano e que permite que cada usuario acceda aos servizos que realmente precisa.
Ademais, conta cunha carteira específica deseñada para o colectivo de persoas enfermas de Alzhéimer que define servizos de prevención e promoción da autonomía persoal, axuda a domicilio, e atención diúrna, nocturna e residencial, especialmente dirixidos a estas persoas.
Así mesmo, Mato tamén se referiu a especialización coa que conta a rede de centros de Alzhéimer de Galicia, que abrangue 13 centros na actualidade, un total de 412 prazas públicas, o 43% delas creadas por este Goberno nos últimos cinco anos.











