Bardaos comeza as festas de Santa María coa tradicional procesión nocturna do San Pipote
As festas parroquiais de Bardaos son, sen dúbida, das máis concorridas de todo San Sadurniño. De sempre celebraron Santa María, aínda que nos últimos anos o patrón da parroquia asóciase inevitablemente ao San Pipote e á “procesión” nocturna do sábado en que a mocidade lle rende tributo á barrica chea de viño. Este ano a comisión alcanzou un acordo cos toldeiros para que as consumicións vaian a prezos máis económicos e, ademais, deixaron a un lado as grandes orquestras-espectáculo para que a festa volva ser o que foi nas súas orixes: un encontro para pasalo ben sen aglomeracións nin multitudes. Iso si, calquera que se achegue será recibido cos brazos abertos coma se fose un máis da parroquia.
As últimas edicións do San Pipote foron o exemplo claro de ata onde pode chegar o éxito dun patrón. Unha parroquia pequena en extensión e en habitantes foi quen de converter as festas de toda a vida nun evento de masas que arrastra -sobre todo o sábado- milleiros de persoas e que pon a proba a capacidade de organización tanto da comisión como dos veciños e veciñas que lle axudan.
A festa en Bardaos éche moito. Pero nos últimos anos foi tanta a concorrencia que para moita xente a festa xa era de máis. Non hai máis que ver as fotografías que circulan polas redes sociais co campo convertido nun enxame de xente sen posibilidade de que entre unha alma máis. Quizais fose esa a razón principal para que en Bardaos 2014 a comisión preparase un programa de grande calidade pero pensado para que a festa non siga medrándolles máis do que é posible xestionar con total seguridade. Neste sentido a parroquia leva meses traballando para axeitar a zona a un evento tan exitoso. Mesmo rarearon os eucaliptais da beira do campo e construíron foxas para colocar aseos portátiles.
Centrándonos xa no cartel, os días fortes son o venres e o sábado, aínda que os actos xa comezan esta noite de xoves no local social con música e a estrea do case sempre surrealista e sempre hilarante video promocional da festa. A música comezará ás 23.00h no local social a xeito de quecemento de motores de cara á troula dos próximos dous días. Os grupos convidados son Muxarega e Alabama.
O venres, día xa propiamente do patrón, haberá misa ás 13.30h. e sesión vermú coa orquestra Palladium. Esta formación repetirá a partir das 23.30 na verbena acompañada de Tekila. Como novidade, en vez de alboradas con gaiteiros a comisión decidiu trasladar á tarde o percorrido musical pola parroquia.
O programa do sábado é máis intenso: misa ás 13.30 e función con Alarma, Olimpiadas parroquiais ás 17.30h. na área recreativa e a partir das 23.30h. festa a tope con Alarma e Triunfo. O momento solemne da noite producirase cara ás 2 da mañá en que Carlos Cobelo subirá ao escenario para pronunciar o pregón perante o San Pipote. A procesión -con participación reservada a veciños ou persoas que colaboran coa festa- desenvólvese entre fachos e coa posta en escena propia de calquera celebración devota.











