Áurea Soto foi reprobada cos votos de PP e DO tras abandonar o BNG o pleno
A secretaria da xunta de goberno de Ourense, Áurea Soto, foi reprobada este luns cos 13 votos de PP e Democracia Ourensana, tras a saída dos tres edís do BNG do salón de plenos.
A reprobación produciuse nunha sesión extraordinaria solicitada polo PP en relación a tres xuntas de goberno dos meses de xuño e xullo, nas que a edila de Urbanismo e secretaria do órgano colexiados é a encargada de elaborar as actas das reunións.
O voceiro do PP, Rosendo Fernández, pediu explicacións a Soto das “discrepancias entre o contido das actas e o que o interventor e o xurídico adxunto din que se falou”. Esas diferenzas leváronos a presentar por rexistro un escrito polos reparos que puxeron á aprobación inicial do presuposto de 2014, na Xunta de Goberno local do 21 de xullo.
Fernández acusou a Áurea Soto, ademais de non recoller na acta os reparos, de esconder os membros a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulou 41 postos de traballo no Concello por falta de xustificación, e que tería que estar, segundo o PP, no documento do presuposto aprobado.
“E dende que pedimos este pleno, nun escrito do día 11 de setembro, sucedéronse as rectificacións e despois da fase de alegacións, xa dixeron que devolverán o documento de presuposto municipal de 2014 á Xunta de Goberno para volver sometelo a aprobación inicial, como lles pedimos nós”, relatou.
O voceiro do PP recordou que faltan 93 días para que finalice o ano 2014 “e xa debería estar debatido o presuposto do próximo ano”, pero aínda “andan a voltas co de 2014”. Nese sentido, dixo ofrecer o seu apoio para comezar a tramitar o de 2015.
AUSENCIAS E MARCHAS
Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG, Xosé Somoza, criticou no seu primeira e única intervención que outro pleno extraordinario pedido polo PP, se dedicase ás “beirarrúas da rúa do alcalde, algo fundamental para a cidadanía”, ironizou. Referiuse ao equipo de goberno para dicir que hai motivos sobrados para reprobar, “non a Áurea Soto, senón a todos”, pero si achacou á secretaria da Xunta de Goberno “o máis grave de todo e que foi esconder a sentenza do TSXG, e só por iso xa merece ser reprobada”.
Somoza recordou que no pleno das beirarrúas do alcalde, o BNG non participou e no de hoxe, tal como avanzou na súa intervención, vaise para as escaleiras”. Os tres edís erguéronse e saíron do salón. Tampouco participou o interventor, que nun escrito lido polo secretario, aludiu ao “principio de imparcialidade” para designar unha substituta para o pleno, pois el é “parte activo” no tema que motivou a petición do pleno.
DELIBERACIÓNS SECRETAS
Pola súa banda, Áurea Soto detallou na súa resposta ao PP, a lexislación sobre as Xuntas de goberno local e explicou que as actas “deben recoller a orde do día, os acordos e o sentido do voto, pero as deliberacións son secretas”.
Nunha intervención posterior, Soto dirixiuse a Fernández do PP, para indicarlle que se o tema do debate para este luns era o presuposto municipal, o seu interlocutor no PSOE debía ser o edil correspondente, polo que se limitou a “agradecer o seu ton construtivo e amable de sempre”, de forma irónico.
No mesmo sentido, Soto deu o voceiro do PP; as “grazas por dicir sempre a verdade e tamén polos seus insultos”. “Se que soamente o fai para dignificar a esta Corporación”, engadiu.
Pola súa banda, o voceiro do PP comezou as intervencións do segundo debate proposto, sobre a reprobación da secretaria da xunta de goberno, que contou con outros tantas quendas de intervención pero apenas tivo réplica nos grupos que quedaban na sala, salvo algunha breve do socialista José Ángel Vázquez Barquero.
REPROBACIÓN DE ÁUREA SOTO
Fernández aludiu á ocultación de documentación no grupo de goberno, como a comunicación do Ministerio de Hacienda en 2011 sobre a devolución do diñeiro correspondente a melloras feitas na urbanización da rúa na que vive o alcalde, pois, segundo o voceiro popular, “se fixeron moitas obras co plan E en Ourense pero só pediron devolver o diñeiro desas melloras”.
Ao respecto, detallou o “trato vexatorio” de Soto a funcionarios, as “recusaciones de xuíces e críticas á Fiscalía” e o resto dos argumentos do debate para afirmar que a secretaria da xunta de goberno “non é digna de estar nesta corporación nin de representala fóra do Concello, así que se vaia”.
O último en intervir foi o edil de Facenda, que se referiu ao PP para achacalo “seguir co espectáculo con máis esperpento e máis intención de entorpecer”. “Prefire vir a falar de calquera cousa antes que dicir que vén a votar a favor do plan de investimentos ou de calquera outro tema de interese público”, dixo.
O pleno durou 60 minutos e contou con varias intervencións breves do voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Iglesias Jácome, primeiro para dicir ao alcalde que é un “maleducado” por chegar dez minutos tarde. “Só acontece dende que decidiu cambiar os plenos de hora, das 10,00 ás 9,00 horas”, recriminou. Tamén usou unha quenda de palabra para pedir que se axilizase a sesión pois ás 10,00 horas tería que abrir o seu comercio, ademais de enviar “saúdos aos do BNG que están a ver o pleno por Internet, despois de irse”.
A edila Áurea Soto é a segunda reprobada nun pleno municipal, despois de que o fose o alcalde ourensano, Agustín Fernández, en dúas ocasións. O pleno extraordinario deste luns foi o terceiro pedido polo PP no actual exercicio anual polo que non poderá pedir máis.