Ata o 2 de outubro estará aberta a inscrición nos cursos de iniciación ó italiano e inglés en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concellería de Educación Participación Cidadá que dirixe a edil mosense Kely Monzón levará a cabo sendos cursos de idiomas de iniciación á lingua italiana e iniciación e B1 de inglés, nos que as persoas interesadas en participar aínda poden inscribirse ata o vindeiro xoves, día 2 de outubro.

Sobre a primeira das iniciativas a concelleira responsable das mesas declarou que “tras varios anos da posta en práctica do curso de inglés (inicial e de perfeccionamento), e o éxito acadado, este ano decidiuse propor outro curso pero unicamente no nivel de iniciación para outra lingua, neste caso o italiano. Pensamos que é unha maneira de que os mosenses poidan aprender outra nova lingua estranxeira, e beneficiarse ó mesmo tempo desta aprendizaxe para o que mais  precisen (ben sexa para aplicar nun posto de traballo, para preparar unha proba da escola oficial de idiomas ou  simplemente polo interese que ten xa de por si  aprender un idioma novo)”.

A frecuencia das clases de italiano será dun día por semana cunha duración de cada clase de 120 minutos, o que veñen a sumar unha carga lectiva de 8 horas mensuais.

Esta actividade levarase a cabo no CDL e dará comezo o vindeiro 6 de outubro. Os horarios das clases serán todos os luns, de 19:30 horas a 21:30 horas. Cunha inscrición de 15 alumnos/as o prezo da mensualidade sería de 15,53 euros por cada alumno/a, e cunha inscrición de 20 alumnos/as o prezo da mensualidade sería de 11,65 euros por cada alumno/a.

No caso do inglés Monzón declarou que “pensamos que é unha maneira de que os mosenses poidan aprender e perfeccionar o idioma estranxeiro mais empregado no mundo, e beneficiarse ó mesmo tempo deste aprendizaxe para o que máis o precisen (ben sexa para aplicar nun posto de traballo, para preparar unha proba da Escola Oficial de Idiomas ou simplemente polo interese que ten xa de por si aprender un idioma novo)”.

A frecuencia das clases será, como nos dous anos anteriores,  de dous días semanais por grupo cunha duración de cada clase de 90 minutos, o que veñen a sumar unha carga lectiva de 12 horas mensuais por cada grupo.

As clases impartiranse no CDL e comezarán tamén o 6 de outubro. Os horarios do grupo 1 de iniciación serán os martes e xoves de 19:30 horas a 21:00 horas e os do grupo 2 de nivel B1 os luns e mércores de 19:30 horas a 21:00 horas. O prezo da mensualidade para cada participante é de 20 euros.

En ambos idiomas a inscrición require previa presentación da solicitude cuberta e asinada xuntando fotocopia do DNI e fotocopia do título esixido para poder participar. O prazo de inscrición rematará o día 2 de outubro. As prazas serán adxudicadas por orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello. A publicación da lista de admitidos farase o 3 de outubro.

Os beneficiarios dos cursos de ambos idiomas poderán ser tódolos/as mosenses interesados/as maiores de 16 anos. Indirectamente os mozos e mozas doutros municipios que estean interesados nesta programación. Teñen preferencia as persoas empadroadas no Concello de Mos.

29 de setembro de 2014 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.