As visitas guiadas nocturnas ao cemiterio de San Amaro rexistraron máis de 1.300 visitantes e mantén as prazas cubertas ata outubro

Luisa Cid na visita ao camposanto de San Amaro
Un total de 1.330 persoas participaron no programa de visitas guiadas nocturnas ao cemiterio de San Amaro desde que en agosto de 2012 se puxo en marcha dentro dos actos conmemorativos do Bicentenario do Cemiterio de San Amaro.
A presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, fixo balance destes dous anos de actividade e destacou a extraordinaria acollida da ruta nocturna, que ten todas as súas prazas cubertas até o próximo mes de outubro. “Desde o principo, as visitas de noite ao cemiterio cubriron a súa cota de participantes -30 persoas por visita-, tanto no verán como no inverno”, explica a edil.
Cid engadiu que a ruta é moito máis que unha visita guiada ao patrimonio do cemiterio: “Trátase dunha interpretación temática da morte nos países celtas cun guía de excepción: Fiz de Cotobelo, ánima en pena extraído da obra de Wenceslao Fernández Flórez”.
RUTA DE CEMITERIOS EUROPEOS
A concelleira de Turismo lembrou ademais que o cemiterio de San Amaro forma parte desde 2012 da Asociación Europea de Cemiterios Significativos (ASCE), a rede europea de organizacións dedicadas á preservación e presentación dos cemiterios como parte do patrimonio cultural. Foi o paso previo para a súa inclusión en 2013 na Ruta de Cemiterios Europeos (European Cemeteries Route) e cuxa placa xa preside a entrada principal a San Amaro. “Supón o recoñecemento mundial da singularidade histórica e arquitectónica do camposanto máis antigo de Galicia”, subliñou Luisa Cid.
O programa de visitas guiadas a San Amaro complétase coas visitas diúrnas, que desde 2012 recibiron 757 persoas polo que o número de participantes en ambas as rutas, a diúrna e a nocturna, ascende a 2.087 persoas. As rutas celébranse todos os sábados en horario rotatorio: un sábado ás 16.00 e o seguinte ás 20.30 horas.
Aínda que as visitas nocturnas a San Amaro están cubertas até outubro, quen desexen apuntarse para o próximo mes xa poden facelo chamando aos teléfonos 981 923 093 /010 ou dirixirse á páxina web www.turismocoruna.com, onde obterán toda a información.
O programa de visitas guiadas impulsado polo Consorcio de Turismo conta con outras seis rutas en funcionamento: Cidade Vella, Torre de Hércules, Picasso, Palacio Municipal e Catuxa. Trátase de percorridos tamén teatralizados e deseñados tanto para promocionar a cidade como para os coruñeses que desexen coñecer recunchos e edificios históricos e de especial interese. Todas as visitas son gratuítas e teñen unha duración media de 50 minutos.
OBRADOIRO DE EMPREGO
Durante a visita ao cemiterio, a responsable de Turismo e tenente de alcalde de Emprego e Empresa tamén destacou o interese do Goberno local por preservar o camposanto en perfectas condicións. Neste sentido, explicou que o novo Obradoiro de Emprego San Amaro, iniciativa que o Concello realiza en colaboración coa Xunta, está en marcha desde o pasado 1 de setembro. Nesta ocasión, os traballos centraranse en obras de mantemento no cemiterio civil, entre outras actuacións.











