As solucións tecnolóxicas de software libre recalan no Recinto Feiral Estradense
Numerosos son os organismos públicos e privados que apoian a mostra sectorial por excelencia do noroeste peninsular. Nesta liña de colaboracións, recala este ano no recinto estradense a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) que contará cunha caseta propia, situado no pavillón número un e que á súa vez, serán os encargados, o mércores día vinte e catro de setembro de impartir dous relatorios de candente actualidade e adaptados ao sector da segunda transformación da madeira.
Ambos os relatorios, virarán en torno das novas tecnoloxías da información e a comunicación. A primeira delas versará sobre o “Sistema de xestión empresarial ERP Eneboo. Mellora a xestión dos teus procesos produtivos da man do Software Libre” e a segunda, “Achégate aos novos clientes da man de internet. Deseña unha boa estratexia de venda e mercadotecnia e abre a túa tenda en liña”.
A asistencia a ambos os relatorios é gratuíta e está dirixida ao público en xeral . Ambos os relatorios levaranse a cabo no salón de actos do Recinto Feiral, de doce horas a trece horas e corenta e cinco minutos.
Persoal de AMTEGA, será o encargado de impartir e ilustrar estes dous relatorios e levalos ao terreo do práctico para que os asistentes poidan sacarlle proveito e máximo rendemento. Jaime Vázquez Oliván e expertos de Itaca Software Libre, serán os relatores dos relatorios anteriormente mencionados.
AMTEGA achégase á mostra co obxectivo de facer un achegamento das novas Tecnoloxías da Información e Comunicación ao sector xa que, a súa estratexia consiste en pór a disposición do sector empresarial galego as ferramentas baseadas nestas novas tecnoloxías que posibilitan o despegamento e a competitividade empresarial. Estas ferramentas, adecuadamente empregadas, son unha estratexia para abrir mercados e dar a coñecer o produto final.
A participación de AMTEGA neste tipo de eventos, complementa os seus servizos permanentes de apoio ao tecido empresarial galego, a través do Centro Demostrador TIC, a Oficina de Coordinación de Software Libre e o recentemente inaugurado Servizo de Consultas TIC.
As novas tecnoloxías, xa non son unha ferramenta do futuro se non máis ben, unha estratexia do presente inmediato que apoian a actividade empresarial, contribuíndo ao seu relanzamento a nivel nacional e internacional, apontoando a eficacia e competitividade empresarial.











