As rúas de Ourense convértense en escenario do xogo de rol “A busca do Tesouro de Aureana”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A Concellería de Xuventude en colaboración con Xogón organizará mañá, sábado, día 6 de setembro, a actividade “A Busca do Tesouro de Aureana”. Unha partida de Rol/Quest dirixida principalmente á mocidade, na que medio cento de participantes buscarán por equipos o tesouro de Aureana, seguindo pistas, xogos de habilidade e inxenio, carreiras, e interaccións con figurantes baixo o marco da Guerra da Independencia contra Napoleón.

Os equipos estarán formados entre 4 e 7 persoas que terán que recoller pistas, realizar probas e descifrar acertixos para avanzar na trama, alzarse coa victoria e o desexado tesouro, un obxecto que podería cambiar o curso da guerra.

O xogo comezará ás 11:00 horas na Praza de San Martiño, e desenvolverase en horario de mañá e tarde, de 11:00 h a 14:00 h e de 16:30 h a 20:30 horas, percorrendo unha vintena de espazos públicos da cidade: Paseo, Praza das Mercedes, Praza de Saco e Arce, Praza Barbaña, Praza Eironciño dos Cabaleiros, Praza de San Marcial, Xardín do Posío, Parque de San Lázaro, Alameda, Bispado, Ponte Vella, Paseo do Miño, Praza de Don Bosco, Praza do Trigo, Praza de San Cósmede, Xardíns Padre Feijoo, Praza do Ferro, Praza do Correxidor, Praza da Magdalena, Praza Manuel Sueiro e finaliza nas Burgas.

Esta actividade forma parte do programa “Embárcate”, que organiza a Concellería de Xuventude co obxectivo de proporcionar alternativas para o tempo de lecer da mocidade ourensá durante o verán, ao tempo que fomentar valores coma o deporte, o coñecemento da natureza e a convivencia.  O programa incluiu actividades como cursos de iniciación ao piragüismo e ás actividades náuticas (kayak, vela e paddle surf); ioga, relaxación e meditación, as actividades “Sábados de aventura”: descenso de canóns (barranquismo) e rafting no río Miño por augas bravas en balsa inchable, e Fin de semana de aventura no Xurés, e os campamentos de deporte e tempo de lecer que tiveron lugar en Santa Cruz de Arrabaldo durante o mes de xullo.

O programa de actividades rematará o sábado, 13 de setembro, co I Open Rallye Slot Cidade de Ourense, sobre superficie de asfalto en 6 tramos, no Pavillón do IES Julio Prieto Nespereira.

5 de setembro de 2014 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.