As persoas con discapacidade de Santiago realizan exercicios de Pilates adaptado ás súas patoloxías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Trala parada vacacional de agosto, a Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca, AMICO, retoma o seu plan de actividades co fin de mellorarlle a calidade de vida ás máis das cen persoas asociadas á entidade.

Unha das actividades que inicia o 3 de setembro é pilates adaptado para persoas con discapacidade, que se desenvolve durante os mércores en horario de mañá e de tarde, realizando o de mañá no centro sociocultural de Fontiñas en horario de 10 a 11 horas e o grupo de tarde acude en horario de 18 a 19 horas nos baixos do edificio da rúa Berlín nº3, na clínica de Combina Social.

Esta actividade, subvencionada pola Deputación de A Coruña, iniciou no mes de marzo e, debido ao grao de satisfacción acadado polas persoas que participaron, decidiuse repetila podendo asistir como máximo seis persoas en cada grupo.

O pilates adaptado é unha disciplina que combina exercicios de chan, metodoloxías de relaxación, respiración e concentración para poder conectar o corpo coa mente a través dos movementos que sempre van estar adaptados ás características do corpo das persoas que participan. Como beneficios da práctica desta disciplina están a mellora do ton muscular, do estado anímico, obtención dun maior control da postura na que diminúe a espasticidade e se fomenta a relaxación. Ademais, non debemos esquecer que as actividades en grupo fomentan a socialización das persoas.

1 de setembro de 2014 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.