As pemes coruñesas descobren as ferramentas de financiamento do programa Galicia 1000

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, achegará mañá ás pemes da área da Coruña información detallada sobre as axudas financeiras habilitadas no marco do programa Galicia 1000 para facilitar os novos investimentos, a modernización e o funcionamento operativo das empresas.

Técnicos do Igape participarán mañá martes nunha xornada técnica promovida pola Asociación de Empresarias da Coruña (Aeco) e APE Galicia que se desenvolverá a partir das 18 horas na sede de Aeco (Juan de la Cierva, 5), co obxectivo de informar aos empresarios sobre o abano de axudas á súa disposición. A xornada incorpora ademais un relatorio sobre as claves de posicionamento das empresas en rede para mellorar os negocios.

Unha das liñas máis destacables do programa Galicia 1000 son os préstamos Jeremie, financiados con fondos Feder e que facilitarán a mobilización de polo menos 15 millóns de euros no tecido empresarial galego. Mediante esta nova liña para o financiamento de investimentos concederanse préstamos a pemes ou microempresas tanto para novas instalacións produtivas como para actuacións destinadas a ampliar, modernizar ou diversificar instalacións xa existentes.

Estes préstamos directos poden estar comprendidos entre 70.000 e 1.050.000 euros para financiar ata o 70% dos seus investimentos. Os prazos de amortización destes préstamos directos xestionados polo Igape serán de ata 7 anos, con xuros fixos que se calcularán sumándolle ao euríbor un tipo adicional que oscilará entre +0,75 e +3%, en función do importe do préstamo. As bonificacións de xuros previstas farán posible que os tipos efectivos resultantes poidan ser inferiores ao 1,3%.

Estes préstamos constitúen unha das liñas máis destacables do programa de financiamento empresarial Galicia 1000, dotado con 50 millóns de euros e co que a Xunta apoiará 1.000 novos proxectos empresariais, mobilizando arredor de 200 millóns en investimentos e dando resposta axeitada ás distintas necesidades das empresas. O programa Galicia 1000 incorpora instrumentos como o capital risco, préstamos participativos, microcréditos e préstamos bancarios –con fondos ICO– bonificados para investimentos, préstamos avalados e garantías para o financiamento de circulante.

8 de setembro de 2014 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.