As oficinas de turismo da Coruña atenderon máis de 50.000 visitas no verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

As oficinas de turismo da Torre de Hércules e da praza de María Pita recibiron durante os meses de xullo e agosto a máis de 50.000 persoas, segundo explicou esta mañá a tenente de alcalde de Emprego e Empresa e presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid.

A responsable municipal, que fixo balance da tempada estival acompañada polo xerente de Turismo, José Paz, e xunto ao presidente e o secretario da Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco), Rafael Benito e Alfonso Lara, respectivamente, asegurou que os datos de ocupación hoteleira, cunha media do 77% en xullo e agosto, demostran que A Coruña, pese ao mal tempo rexistrado este verán, consolídase como destino de referencia en todo o norte de España, do visitante que busca algo máis que sol e praia. Así mesmo apuntou que os datos de Hospeco -que constatan un incremento da rendibilidade nos establecementos e unha subida no gasto medio do cliente- son “importantes” porque demostran que se produce unha “recuperación nos prezos”.

A concelleira de Turismo achegou datos do informe do Consorcio de Turismo, un estudo elaborado a partir de 1.151 enquisas a pé de oficina cuxo obxectivo é solicitar información actualizada para determinar estratexias que se adapten ás necesidades do mercado turístico, en constante evolución.

O estudo revela que máis da metade das consultas atendidas nas oficinas durante xullo e agosto foron de persoas que visitaban a cidade por primeira vez, mentres que case 1 de cada 3 repetía destino. En canto á procedencia, máis do 60% foron visitantes nacionais, aínda que medre en case 10 puntos o número de estranxeiros. A nivel nacional, a maioría das persoas que buscan información nas oficinas son de Madrid, Cataluña e Andalucía.

A nivel internacional, Francia e Reino Unido mantéñense como principais mercados emisores e entre os dous representan case o 40% dos visitantes estranxeiros que acoden ás oficinas do Consorcio de Turismo. No entanto, rexistrouse un incremento de visitantes italianos, con 1.576 persoas deste país.

EN PARELLA E POLA SÚA CONTA

Segundo o informe do Consorcio de Turismo, o perfil do turista que acode ás oficinas en busca de información sobre a cidade responde a un visitante de entre 36 e 55 anos (59%) que chega no seu vehículo particular (69%), en parella ou coa familia (43% e 37%, respectivamente) e que organiza a viaxe pola súa conta, sendo internet unha fonte de información moi importante á hora de decidirse polo destino (38%).

“Sabemos que hai que estar moi presente nas redes sociais, en todo o que rodea internet”, indicou Cid, quen explicou que, en canto ás preferencias do visitante tipo, a Torre de Hércules é o atractivo turístico máis valorado xunto coa gastronomía, con porcentaxes en ambos os casos superiores ao 20%, mentres que a oferta familiar, cultural e de lecer tamén animan ao visitante a decidirse por esta cidade como destino vacacional.

Así mesmo, o estudo sostén que o 99% dos que visitan a cidade recomendaríana aos seus amigos e familiares, “un dato que é unha constante nos informes destes últimos anos e que nos obriga a non baixar a garda e a manter o listón moi alto”, subliñou a edil.

DESESTACIONALIZAR

No caso da Torre de Hércules, Luisa Cid destacou que o monumento, segundo os datos recolleitos no propio faro, recibiu entre xullo e agosto 43.414 persoas -19.216 en xullo e 24.198 en agosto-, o que supón unha media diaria de 724 visitas, cifra similar á do ano anterior. Do mesmo xeito que ocorre coas visitas ás oficinas de Turismo, o maior número de visitantes procedía do territorio español, cunha porcentaxe de até o 80% no mes de agosto.

A concelleira indicou que todas as estratexias deseñadas polo Consorcio de Turismo céntranse en situar A Coruña como destino de primeiro nivel durante todo o ano e non soamente no verán. “De aí a importancia de pór en marcha políticas de desestacionalización e de impulsar o turismo de reunións e convencións, un sector crave e estratéxico para a cidade”, engadiu Luisa Cid, á vez que apostou pola necesidade de traballar de forma estreita con todo o sector, desde hoteleiros e hostaleiros até comerciantes, para reforzar o turismo como o gran motor económico da cidade.

Neste sentido, explicou que acontecementos deportivos como a Volta Ciclista son positivos para A Coruña, non só porque rexistran cheos nos hoteis -tal e como sostiveron os representantes de Hospeco- senón porque tamén benefician a hostaleiros e comerciantes e son eventos que promocionan a cidade en todo o mundo. En calquera caso, a responsable do Consorcio de Turismo insistiu na aposta do Concello por buscar novos mercados e por promocionar a gastronomía, un dos grandes atractivos da cidade, a través da inclusión da Coruña en plataformas especializadas como Saborea España ou coa promoción de concursos como Picado, que arrinca esta semana, ou Chocoruña, que se celebrará en outubro.

9 de setembro de 2014 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.