As obras de reordenación da rotonda de Sabón rematarán en novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArteixoLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas finalizará no mes de novembro, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables, as obras de reordenación da rotonda de Sabón. Así o adiantou hoxe a conselleira Ethel Vázquez durante unha visita a estas actuacións, na que tamén estivo o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez. Nesta visita tamén estiveron presentes o alcalde de Arteixo, José Carlos Calvelo; o presidente da Deputación provincial da Coruña, Diego Calvo; e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Segundo explicou Ethel Vázquez, “o obxectivo destes traballos é reducir a conxestión de vehículos nas estradas que dan acceso á zona industrial de Arteixo, no polígono de Sabón”. Precisou que “estas obras supoñen un investimento de máis de 10 millóns de euros para facer realidade esta actuación, que se atopa actualmente ao 86% da súa execución total”.

Trátase dunha obra necesaria que permite reordenar os tráficos mediante a construción dunha nova glorieta elevada sobre a xa existente conectada mediante tres viadutos coas estradas AC-551 (AG55-Sabón. Conecta coa A6), DP-0509 (acceso ao polígono) e a AC-552 (A Coruña-Cee), que se ensanchan. Estas actuacións supoñen que a AC-551, a estrada de enlace entre a A-6 e a AG-55, pasará a ter dous carrís por cada sentido.

A citada intersección conta cunha elevada Intensidade Media Diaria (IMD), xa que 50.000 vehículos ao día circulan por esta zona, dos que máis de 4.000 son camións (a IMD media xeral das estradas autonómicas é de 3.300 aproximadamente). A Xunta estima que entre o 25% e o 30% do tráfico (uns 15.000 vehículos ao día) farán uso do paso elevado, desconxestionando os accesos ao polígono.

A conselleira de Medio Ambiente, na súa visita de hoxe, comprometeuse a volver a Arteixo para explicarlles aos representantes da Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón os avances nas obras da glorieta, así como os movementos permitidos dende a mesma.

Traballos executados

En canto a estruturas, formigonouse a totalidade da glorieta superior e estase a traballar na colocación dos sistemas de contención e a continuación colocaranse as cartelas e estenderase o firme.

No desdobramento da AC-552 (A Grela – Cee), xa están executados os muros de acceso á glorieta superior, salvo remates; no da DP-0509 (estrada provincial do polígono de Sabón), atópanse en execución os muros de acceso á glorieta superior; e no da AC-551 (Saída 7 da AG-55 – Sabón), está rematado o desdobramento e a execución do ramal de acceso á glorieta superior, salvo no relativo aos firmes e sinalización.

Desculpas aos usuarios

Por outra parte, Ethel Vázquez tamén trasladou as súas desculpas aos usuarios destas estradas polas posibles molestias que as obras ocasionaron. Lembrou que os cortes de tráfico realizados executáronse por seguridade e sempre que foi posible leváronse a cabo en horario nocturno, afectando así a unha menor porcentaxe de vehículos. Neste senso, tamén recordou que “a mostra de que a Xunta tentou provocar as menores molestias posibles tivo lugar a semana pasada, na que un corte estaba previsto para tres días e finalmente resolveuse en dúas xornadas”.

3 de setembro de 2014 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.