“As Meninas de Canido” regresa ao barrio ferrolán este fin de semana na que será a quinta edición
A concelleira de Turismo, María del Carmen García Fraga, presentou esta mañá a quinta edición de “As Meninas de Canido” que se desenvolverá os vindeiros día 5 e 6 de setembro no barrio ferrolán. A edil estivo acompañado do promotor da proposta, o artista ferrolán Eduardo Hermida. Arredor de 80 artistas nacionais procedentes do mundo da pintura, a danza, a música, poesía, fotografía e a escultura converterán as rúas e prazas do barrio ferrolán en lugares de arte, a través da súa visión persoal do cadro de Velázquez.
García Fraga sinalou o gran valor artístico e cultural das Meninas de Canido, ao tempo que destacou o crecemento deste evento “grazas á paixón do seu impulsor que vela pola pervivencia desta iniciativa que nos deixa aos ferroláns unha magnífica colección de Meninas para admirar ao longo de todo o ano”. Neste senso, destacou a candidatura para que a Ruta das Meninas sexa declarada como Itinerario Cultural Europeo “que é o noso obxectivo para o 2015 e que suporá un revulsivo importante para o turismo de Ferrol”.
A Concellería de Turismo editou folletos informativos e carteis da “Ruta das Meninas” e difunde esta proposta a través da comercialización de paquetes turísticos. Entre as propostas para difundir as Meninas de Canino, destacan a realización dun viaxe de promoción ou famtrip para turoperadores que tivo lugar o pasado mes de decembro, así como as visitas turísticas durante o Congreso Internacional de Turismo Industrial o pasado mes de xuño. Ademais, a edil María del Carmen García avanzou que está prevista a edición dun libro e un DVD coa historia do proxecto e as súas repercusións turísticas.
Arte culinario
Pola súa banda, o impulsor da proposta e artista local, Eduardo Hermida, agradeceu o apoio do Concello de Ferrol “ao que comezou como o soño dun artista e que está tomando unha repercusión moi importante para converter este barrio nun referente cultural e turística”. Como novidade, esta quinta edición incorpora o arte culinario cun showcooking a cargo do cociñeiro Pepe Jordan.
Así mesmo, durante as dúas xornadas desta acción artística tamén haberá espazo para a música. Neste senso, Eduardo Hermida destacou os concertos de Sés e Rubén Artabe que terán lugar o venres 5 a partir das 22:00 horas na rúa Manuel Arias “Lili”. O Concello de Ferrol achega preto de 10.000 euros para a realización desta quinta edición de “As Meninas de Canido”.











