As Escolas Infantís da Coruña contarán este curso con dous novos centros e 177 prazas máis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello, a través da área de Educación que dirixe Francisco Mourelo, informa de que mañá, mércores 3 de setembro, iníciase o novo curso escolar na Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM).

En total, o proceso ábrese con 745 prazas para menores de 0 a 3 anos, grazas á incorporación da escola Carmen Cervigón (95 prazas), na nova sede da institución Benéfico Social Pai Rubinos. Esta oferta completarase até un total de 827 prazas no curso escolar 2014/15 cando comece a funcionar a escola do Agra do Orzán, na que se impartirá o primeiro ciclo de educación infantil con 82 novas prazas. Con elas, o Concello incrementa nun 30% o número de prazas educativas dispoñibles en 2011, ademais de contribuír, con este novo centro, a facilitar a conciliación da vida persoal e familiar.

Ademais, este curso entra o funcionamento o novo regulamento de organización e funcionamento das escolas incluídas na Rede de Escolas Infantís Municipais de adaptación ás directrices marcadas pola Unión Europea no marco do documento Europa 2020. Este novo regulamento é máis xusto, ao crear oportunidades reais de igualdade, e máis solidario e realista coa situación familiar e socioeconómica das familias, contemplándose por primeira vez a existencia de prazas totalmente gratuítas, en función de niveis familiares de renda e para segundos e sucesivos irmáns, tendo en conta así mesmo a situación de familias monoparentais, numerosas ou con algún tipo de discapacidade, e con garantía de acceso para menores con necesidades especiais de apoio educativo.

Neste sentido, 41 menores obtiveron prazas gratuítas, xa sexa por renda (9 prazas), integración (4 prazas) ou por segundos e sucesivos irmáns (38 prazas), o que supón un custo total de 140.760 euros.

Ademais, o novo regulamento tamén puxo en marcha, por primeira vez, medidas que favorecen o acceso de menores procedentes de contornas desfavorecidas e de apoio ás familias coruñesas e menores con discapacidade. Así, tívose en conta situacións como o desemprego do pai ou da nai, a discapacidade do menor ou dos seus familiares, ou o feito de ser familia numerosa ou monoparental. Grazas ao novo baremo, 136 menores de 0 a 3 anos obtiveron a súa praza.

As tarifas, conxeladas desde 2012, tamén se manteñen durante este curso ao asumir o Concello o incremento do IPC.

A final de mandato, a cidade contará ademais con outras 82 novas prazas da Escola Infantil da Sardiñeira, pasando de 640 a 909 prazas; e de 7 a 10 escolas.

2 de setembro de 2014 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.