As escolas deportivas da Fundación incluirán na súa oferta de cursos zumba infantil
Co inicio do curso lectivo a Fundación Municipal de Deportes pon en marcha tamén as actividades deportivas para os escolares do municipio. Como cada ano, o organismo municipal impartirá en función das idades dos alumnos a Escola de Psicomotricidade, a Escola Multideporte, e as Escolas Deportivas. No programa destas últimas, ofértanse este ano un total de 15 modalidades, coa novidade da inclusión por primeira vez, da actividade de zumba infantil. O prazo de inscrición péchase o 26 de setembro.
O Concello A Fundación Municipal de Deportes organiza os preparativos para a posta en marcha das actividades deportivas para escolares que se impartirán dende outubro ata xuño. O organismo que preside Elena Suárez, volve a ofertar a Escola de Psicomotricidade para os máis pequenos, e as de Multideporte e Deporte Base para os nenos e nenas de idades máis avanzadas. O prazo de inscrición abriuse hoxe, 15 de setembro e remata o 26 de outubro.
A Escola de Psicomotricidade ten como destinatarios aos escolares nados entre os anos 2009 e 2010, ambos incluídos. Ao tratarse de nenos moi pequenos, as sesións consisten principalmente en traballar os aspectos de equilibrio, coordinación de movementos ou referencias espaciais a través de diferentes xogos. Os escolares nados entre os anos 2006 e 2008 poderán participar na escola de Multideporte, nas que ao longo do ano tomarán o seu primeiro contacto con diversas modalidades deportivas a efectos de que as vaian coñecendo e poidan posteriormente decantarse polas que máis lles gusten.
Finalmente, a Fundación organiza as Escolas de Deporte Base, para nenos nados entre os anos 1999 e 2005. Nelas os escolares xa poderán elixir en unha ou máis actividades entre as 15 modalidades deportivas que se ofertan e que son as de tenis, fútbol, patinaxe, zumba infantil, baloncesto, artes marciais, xadrez, tenis de mesa, béisbol, remo, bádminton, rugby, atletismo, volei e esgrima.
Os formularios de inscrición pódense obter nas oficinas da Fundación de Deportes, sita nas instalacións de Fexdega, ou imprimir a través do taboleiro de anuncios da web www.vilagarcia.es. A Fundación tamén remitirá a información aos centros educativos para que a distribúan entre o alumnado.
Os formularios cubertos e coa documentación que neles se indica debe entregarse nas dependencias da Fexdega en horario de 09:00 a 14:00 horas dende o 15 ao 26 de setembro.
Gratuidade e bonificacións
A cota de inscrición é de 12 euros ao ano, en calquera das tres escolas. Os nenos con carné da Fundación non terán que pagar nada e ademais establécese a gratuidade para nenos cuxas familias teñan ingresos inferiores ao importe do IPREM correspondente ao ano en curso, e unha bonificación do 25% para familias numerosas.
As actividades comezarán a impartirse o luns, 6 de outubro.











