As doazóns de sangue en Vilagarcía medran en setembro coa recollida de 146 unidades en xornada e media

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Por segundo mes consecutivo, as doazóns de sangue en Vilagarcía volveron a incrementarse en relación ao mesmo período do ano anterior. A pasada fin de semana, en tan só unha xornada e media, a unidade móbil do CTG recolleu na cidade 146 unidades, que se suman ás 160 obtidas na anterior visita realizada nunha fin de semana de agosto.

A boa evolución da taxa de doazón de sangue é boa en xeral, pero é aínda moito máis positiva se se ten en conta que este incremento se produce nos meses de verán, a época do ano na que soen descender as unidades recollidas polos desprazamentos vacacionais dos doadores, e na que, en contraposición medra a demanda de sangue especialmente por intervencións traumáticas relacionadas coa accidentalidade de tráfico relacionada coas viaxes e ocio estival.

A última visita do autobús do Centro de Trasfusións de Galicia a Vilagarcía foi a pasada fin de semana, onde permaneceu operativa o venres 5 de setembro en horario de mañá e tarde, e o sábado 6, só pola mañá. Pese a tratarse dunha visita curta (normalmente é de dúas xornadas e media), obtivéronse 146 unidades de sangue. A esto hai que engadir as moitas persoas que tamén acudiron co propósito de doar pero que finalmente non puideron facelo por causas alleas a súa vontade como non acadar o peso, atoparse baixos de ferro ou estar tomando algún tratamento incompatible coa doazón, entre outros.

Dado que na fin de semana de agosto xa se batera o récord local coa obtención de 160 bolsas de sangue, en agosto e setembro os vilagarciáns contribuíron a esta causa solidaria coa achega de 306 unidades destinadas a transfusións en operacións cirúrxicas programadas e de intervencións de emerxencia, así como a tratamentos médicos que precisan transfundir.

O responsable da Asociación de Doadores en Vilagarcía, Jesús Vidal, amosou a súa satisfacción pola boa evolución das doazóns en Vilagarcía e agradeceu aos veciños e visitantes a excelente resposta dada a esta campaña de verán, na que en agosto tamén se rexistraron 20 novos carnés de doadores de órganos.

O colectivo lembra que a doazón de sangue é un dos actos solidarios e altruístas máis importantes e menos custosos xa que, ademais de non representar ningún risco para o doador, axuda a salvar moitas vidas.

10 de setembro de 2014 | 10:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.