publicidade hoxe

As catro pistas polideportivas de Ponte Caldelas poderán utilizarse libremente sen necesidade de solicitar autorización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas pon a disposición do público en xeral o uso de catro pistas polideportivas municipais ao aire libre existentes no municipio, situadas en Chan da Barcia, A Reigosa, A Insua e Caritel co fin de que se poidan utilizar libre e gratuitamente sen necesidade de solicitar autorización previa ou recoller a chave en establecementos ou domicilios particulares que dificultaban a súa ocupación.

A partir de agora, como sempre, o uso destas pistas será totalmente gratis e para a súa utilización non será necesario reservar hora, posto que poderán ser usadas libremente por calquera persoa e xa non será obrigatorio solicitar a chave da porta, ao permanecer sempre aberta.

Con esta medida preténdese facilitar o seu uso sen que teña que estar pendente un operario municipal de abrir ou pechar a porta e dáse unha oportunidade aos usuarios para que autorregulen o seu uso dunha maneira eficaz e participativa.

O alcalde, Perfecto Rodríguez, espera que se faga un uso responsable por parte de quen utilice estas pistas polideportivas ao aire libre que permita a suficiente rotación na súa utilización, evitando abusos e sobre todo impedindo que se provoquen danos aos peches de rexilla que, antes, eran obxecto de roturas para poder penetrar nos recintos deportivos.

24 de setembro de 2014 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.