As augas das rías de Baiona, Vigo e Pontevedra acollerán unha nova edición do Trofeo Príncipe de Asturias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación do Trofeo Príncipe de Asturias

Presentación do Trofeo Príncipe de Asturias

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación da XXIX edición do Trofeo Príncipe de Asturias que terá lugar do 5 ao 7 de setembro nas augas das rías de Baiona, Vigo e Pontevedra.

No transcurso do acto, Lete Lasa lembrou o carácter estratéxico dos deportes náuticos na política deportiva da Xunta de Galicia, posto que a Comunidade goza dunhas óptimas e singulares condicións costeiras e paisaxísticas, ademais da súa fonda cultura mariñeira, “polo que seguiremos traballando da man dos clubs, das federacións galega e nacional, e de todos os axentes deportivos e turísticos para seguir a desenvolver esta modalidade deportiva a nivel competitivo e na súa vertente económico-turística, favorecendo o seu indubidable impacto económico nas súas áreas de influencia”.

O secretario xeral eloxiou ao Monte Real Club de Yates de Baiona por ser quen de cumprir sobradamente os seus obxectivos fundacionais, e dicir, a organización de regatas de carácter internacional e o fomento do turismo náutico que atraia ás nosas rías a visitantes de todos os recantos do mundo, engadindo que “con eventos como o Trofeo Príncipe de Asturias levamos o nome de Galicia moi lonxe e contribuímos a construír a súa marca como lugar onde facer deporte de alto nivel e, ao tempo, onde atopar natureza, calidade de vida, e modernidade unida á tradición e á historia.

Así mesmo, agradeceu o traballo da Comisión Naval de Regatas da Escola Naval Militar de Marín e a colaboración das federacións galega e nacional na proba, que está incluída no calendario da Real Federación Española de Vela como Campionato de España de Cruceiro ORC zona de Galicia.

O trofeo e tamén puntuable para o II Circuíto Atlántico de Cruceiros e para o Trofeo Presidente da Xunta de Galicia. A tripulación portuguesa mellor clasificada lévase ademais o trofeo Conde de Barcelona.

Clases participantes

A regata está aberta á participación dos barcos ORC con Certificado de Medición e Habitabilidade válido para 2014, Clásicos e de Época con certificado JCH actualizado e de acordo coas normas de AGABACE, e Monotipos J80, así como as tripulacións femininas invitadas pola Organización para o trofeo Ladies Cup.

Os días 5, 6 e 7 de setembro celebraranse as probas de barlovento/sotavento para os ORC, J80 e as embarcacións do trofeo Ladies Cup, mentres que os clásicos farán as probas costeiras os días 6 e 7.

Premios Nacionais de Vela Terras Gauda 2013
O sábado día 6, no transcurso dunha gala e como parte dos eventos ao redor do Trofeo Príncipe de Asturias, entregaranse os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, creados hai 22 anos co obxectivo de recoñecer o traballo de distintas persoas e institucións a favor do mundo da vela, así como os seus valores humanos e deportivos.

Os galardoados nesta ocasión son:

• Mellor Navegante Oceánico: Alex Pella
• Mellor Proxecto do Ano: Desafío MAPFRE
• Mellor Barco ORC 0-1: Solventis
• Mellor Barco ORC 2-3: Movistar
• Premio Mariano Augado de Comunicación: A Contracorriente Films

2 de setembro de 2014 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.