As achegas de alimentos para familias desfavorecidas de Oroso caeron de 20.000 a 1.000 quilos en 4 anos
O pleno municipal do Concello de Oroso aprobou por unanimidade unha moción socialista na que insta ao Goberno Central a reforzar o financiamento público destinado a garantir alimentos básicos e de calidade para as persoas máis necesitadas. O concelleiro de Servizos Sociais, Antonio Leira, explicou o drástico descenso das achegas de alimentos que a Administración Central fai aos veciños e veciñas necesitados de Oroso a través da Cruz Vermella: 20.000 quilos en 2011; 7.120 quilos en 2012; 5.620 quilos en 2013 e 1.009 kg no que levamos de 2014, se ben o concelleiro explicou que están á espera dunha nova achega nas próximas semanas.
“En catro anos, as cifras son aterradoras no noso concello”, explicou Leira Piñeiro, “polo que nos vimos obrigados a buscar outras solucións a través doutras entidades, como Amigos de Galicia, de empresas colaboradoras e de campañas municipais para poder garantir este servizo fundamental”. O concelleiro sinalou que “dende 2011 están decrecendo as achegas de forma alarmante cando as necesidades medran”.
Todos os partidos coincidiron en apoiar a moción socialista. “Entre as Administracións hai que axudar a quen o necesita, sen confundilo con esmolas”, apuntou o voceiro do BNG, Xosé Manuel Pérez. Pola súa banda, o concelleiro do PP, Telmo Rodríguez, apoiou a necesidade da moción e lembrou que “o Goberno de España achegou 40 millóns para adiantar os cartos do Plan de Axuda Alimentaria aos Máis Necesitados”, mentres se aproba definitivamente o novo plan para os próximos cinco anos.
Novo secretario
A sesión plenaria aprobou por unanimidade as actas da sesión anterior e tomou coñecemento da toma de posesión de Federico Suárez Cancela como novo Secretario do Concello de Oroso, quen tiña esta praza en propiedade e que substitúe a Dalmiro Núñez, quen levaba máis dun lustro no municipio. Todos os grupos municipais deron a benvida ao novo secretario e desexáronlle o mellor no desenvolvemento das súas funcións.
O resto da orde do día consistiu no debate de ata dez mocións. Catro delas decaeron ao non aprobarse a súa urxencia: a petición do PP de que Goberne a lista máis votada e tres propostas do Partido Galeguista (sobre o dereito a decidir entre Monarquía e República, sobre a necesidade de revisar os valores catastrais e sobre a necesidade de facer unha revisión do gasto municipal en electricidade para coñecer se a empresa subministradora pode estar cobrando de máis).
Canon bibliotecas
Ademais da mencionada sobre os alimentos, tamén se aprobaron por unanimidade outras dúas mocións, presentadas polo PSOE e polo BNG, para pedirlle ao Goberno que dote aos Concellos dos cartos precisos para facer fronte aos gastos do canon de bibliotecas. O concelleiro de Ensino asegurou que estamos ante “un agravio comparativo moi importante, pois as bibliotecas dos concellos de máis de 5.000 habitantes teremos que pagar un canon por cada libro emprestado e por cada socio da biblioteca, o que en Oroso superaría os 700 euros”.
Xosé M. Pérez explicou que “non estamos por máis copagos”; mentres que o voceiro do PG, Siverio Mirás, votou a favor argumentando que “é tremendo que a cultura, o ensino e a sanidade teñan tantos recortes”. O concelleiro do PP Telmo Rodríguez lembrou que “isto vén dado por unha normativa europea” e amosouse favorable a “pedirlle ao Goberno Central que dote de orzamentos ao Concello para este canon”.
Reforma electoral
O PSOE e o BNG tamén viron aprobadas as súas mocións en contra dos cambios que o PP pretende realizar no sistema electoral. Nos dous casos, as mocións saíron adiante cos 9 votos de PSOE, BNG e PG; e cos 4 votos en contra do PP. O alcalde orosán, Manuel Mirás, explicou que “ter o 40% dos votos non lexitima ter o 51% dos concelleiros. Estaríamos de acordo coa elección do alcalde nunha segunda volta, pero o que propón o PP é penalizar ás forzas minoritarias”.
Xosé M. Pérez explicou que “parece que o único que busca o PP con esta medida é conseguir Alcaldías que antes non se tiñan ou que se poden perder”. Algo ao que o voceiro do PP, Xosé M. Balado, respondeu lamentando que os outros grupos “lle dean un plus de maldade sempre ao PP cando en Andalucía o PSOE cambiou as regras dous meses antes”. Pola súa banda, Siveiro Mirás coincidiu co BNG en que “o ideal serían listas abertas”. A pesar do acordo entre PSOE e BNG en fusionar ambas mocións, o novo secretario instou a aprobalas por separado.
Finalmente, o BNG sacou adiante unha moción de solidariedade cos propietarios de montes en man común, aos que a Xunta lles esixe o pago dunhas cuantiosas débedas. A pesar de que en Oroso non se dá esta situación, PSOE, PG e BNG apoiaron a moción, mentres que o PP votou en contra.











