Apertura do prazo para inscribirse nas clases de ximnasia de mantemento para xubilados en Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia retoma as clases gratuítas de ximnasia de mantemento para maiores, co obxectivo de promocionar unha vida activa e saudable e facilitando que se sintan máis activos. A actividade desenvólvese desde mediados de outubro ata xuño no Ximnasio Municipal situado en Cabanelas. O prazo de inscrición estará aberto nas oficinas municipais ata o vindeiro lúns 8 de setembro.

As clases de ximnasia de mantemento están destinadas para homes e mulleres xubilados ou pensionistas maiores de 60 anos. Son sesións gratuítas, que se desenvolverán os martes e xoves no Ximnasio Municipal de Cabanelas. Hai 40 prazas dispoñibles, que se asignarán por rigoroso orde de inscrición. Os participantes dividiranse en dous grupos: de 10.30 a 11.30 e de 11.30 a 12.30 horas. As clases empezan o martes 14 de outubro.

As clases gratuítas de ximnasia de mantemento desenvólvense durante todo o ano no Complexo Deportivo Municipal de Cabanelas. A concellería de Servizos Sociais vén ofertando esta actividade deportiva nos derradeiros anos, cun importante éxito de participación de persoas maiores. Nestas clases, coas indicacións dun monitor deportivo, traballan a coordinación, o ritmo, o equilibrio e diferentes posturas importantes non só para manter a autonomía física e psíquica, senón para favorecer a mobilidade e manter activas as capacidades intelectuais.

Escolas deportivas municipais

Por outra banda, o Concello de Ribadumia mantén aberto o prazo de inscrición para o novo curso das Escolas Deportivas Municipais Judo, Taekwondo, Patinaxe, Tenis, Xadrez e Danza Moderna. As inscricións pódense facer nas oficinas municipais ata o 30 de setembro. O inicio do curso será en outubro. Unha vez pechado o prazo de inscrición, crearanse os grupos segundo as idades dos rapaces e o número de anotacións.

3 de setembro de 2014 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.