Apertura do prazo de preinscrición para as actividades dos centros cívicos coruñeses
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo, informa da apertura do prazo de preinscrición para participar nalgunha das máis de 700 actividades que ofrecerán, a partir deste mes e até decembro, os 22 centros cívicos municipais.
A programación contempla, como en anteriores convocatorias, actividades, talleres e cursos pensados para todo tipo de idades e necesidades. Consolídanse os que nos últimos anos tiveron unha maior demanda e, como principal novidade, introdúcese na oferta xeral actividades de lecer para menores con necesidades educativas especiais. En total serán 5: taller de informática, para nenos de 8 a 12 anos; taller de debuxo e manualidades, para menores de 4 a 7 anos; taller de expresión corporal e educación musical, pensadas para idades entre 4 e 7 anos; taller de relaxación en familia, para un público de 8 a 12 anos; e taller de cociña en familia, de 8 a 12 anos. Estarán impartidos por monitores especializados e contarán cun monitor de apoio para tarefas de carácter pedagóxico.
Ademais haberá actividades de idiomas; de novas tecnoloxías e informática; formativas e de alfabetización; creativas, artísticas, musicais ou escénicas; de artesanía ou manualidades; de psicoestimulación; de fomento de hábitos de vida saudables; e de mantemento físico e fomento do envellecemento activo. Tamén haberá actividades específicas en colaboración con entidades e asociacións ou para conmemorar algunha data ou época do ano.
As persoas interesadas deben realizar a preinscrición os días 4, 5 e 6 de setembro nos centros cívicos municipais. O sorteo realizarase o 6 de setembro ás 20.15 horas en cada centro e a publicación da listaxe provisional de admitidos realizarase o 19 de setembro tanto nos centros como na web municipal e a través do 010. As persoas admitidas deberán realizar a inscrición nos centros cívicos municipais os días 22, 23 e 24 de setembro.
Para optar a unha praza, os interesados deben cumprir os seguintes requisitos: estar empadroado no municipio da Coruña, non solicitar máis de 3 actividades por persoa, ter a idade recomendada para a actividade, abonar as taxas na entidade bancaria e realizar a inscrición no centro correspondente.











