Apertura do prazo de inscrición no programa Espazos das familias de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Desde este luns está aberto o prazo para inscribirse en Espazos das familias, un programa dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos que tomou o relevo do desaparecido Preescolar na casa. Con el búscase apoiar as familias na educación dos fillos e fillas ofrecendo un espazo onde os cativos se relacionen con outros cativos, onde pais e nenos compartan xogos e, en definitiva, onde profundar no desenvolvemento dos máis pequenos.

Espazos das familias céntrase nunha etapa da infancia na que os meniños empezan a descubrir o mundo que os rodea e na que se vai conformando a súa personalidade. Ademais, as sesións tamén perseguen que os pais e nais aprendan todo o que hai que saber sobre o crecemento infantil, sobre a necesidade de que todo o nucleo familiar se implique no labor educativo dos novos membros e, máis que nada, sobre como levar a cabo unha crianza dos nenos e nenas responsable e igualitaria.

As inscricións neste programa poden facerse ata o 16 de setembro no departamento de Servizos Sociais -programa de Educación Familiar- e hai máis información nos teléfonos 981 490 027 e 673 903 922. Unha vez rematado o prazo de inscrición farase unha xuntanza para establecer os horarios e os grupos definitivos. Só se ofrecen 24 prazas que se cubriran por orde de solicitude e con prioridade para as familias empadroadas en San Sadurniño. 

Espazos das familias comezará previsiblemente a primeiros de outubro e, como en anteriores edicións, as sesións terán lugar na casa da Cultura cunha periodicidade quincenal ata finais de maio do ano que vén.

2 de setembro de 2014 | 20:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.