Amizade organiza unha xornada de pesca para persoas con mobilidade reducida
Este sábado, 27 de Setembro, Amizade organiza unha Xornada de Pesca e un paseo pola ría de Pontevedra que contará coa colaboración do Club Minauta, quen será quen facilite a embarcación. Trátase dunha zodiac de pequeno tamaño cuxo deseño permite que se poidan incorporar de xeito relativamente sinxelo persoas en cadeira de rodas.
Debido ao pequeno tamaño da embarcación, faranse dúas viaxes con dous grupos de persoas. A previsión establece a primeira saída ás 11:00h e a segunda sobre as 12:30h, sendo as viaxes de aproximadamente unha hora de duración.
Sairase desde o peirao das Corbaceiras e irase río arriba ata a estación de bombeo, e volta ao lugar de partida. Trátase dunha actividade que esperta grande interese entre as persoas con mobilidade reducida (en especial, as usuarias de cadeira de rodas) polo feito de que non soen ter oportunidade de gozar do transporte marítimo debido a escasa accesibilidade coa que contan peiraos e embarcacións.
Ao tempo no peirao de Corbaceiras, á beira do edificio sede do Gremio de Mareantes, varias persoas poderán desfrutar da Xornada de Pesca para a cal a Asociación Amizade contará coa colaboración de varias persoas con experiencia na pesca que se ofreceron a prestar a súa axuda en todo o referente á preparación do material necesario e que supervisarán a actividade xunto cós/as coordinadores/as da asociación.
Desexamos que esta xornada contribúa a que algunhas persoas atopen unha nova afición, unha nova maneira de ocupar o seu tempo de lecer. Ademais, será unha nova oportunidade de facer ver á sociedade que as persoas con discapacidade somos quen de realizar moitas cousas, sempre que poidamos contar coas condicións axeitadas (ausencia de barreiras, material adaptado,…). Servirá, tamén, para facilita-las relacións entre persoas e intercambiar experiencias; por este motivo queremos convidar a todas as persoas afeccionadas á pesca a que se sumen a esta xornada para que compartan o seu tempo libre con outras persoas coas poden intercambiar opinións e experiencias.
Posteriormente, os/as asistentes á xornada iremos xantar ao Restaurante Avenida (Eduardo Pondal), onde poderemos continuar compartindo experiencias.
Desde Amizade queremos aproveitar para denunciar novamente o actual estado das cousas, en concreto, dos peiraos e das embarcacións. Seguen a construírse peiraos e pantaláns que non contan coas axeitadas condicións de accesibilidade, e séguese a permitir a posta en funcionamento de embarcacións que non poden transportar persoas con mobilidade reducida; embarcacións que efectúan transporte baixo concesións públicas.
As persoas con discapacidade poden facer as mesmas cousas que as persoas sen discapacidade, se contan cunhas medidas de accesibilidade e de apoio axeitadas. Cando isto non acontece, o que se está a facer é discriminar, impedir que exista unha verdadeira igualdade de oportunidades. As administracións públicas teñen a obriga legal e moral de garantir a igualdade de dereitos de todas as persoas, e son por tanto as responsables, pero o certo é que as medidas que se toman neste sentido son escasas, lentas e ás veces incluso ambiguas.











